BNG- Asembleas Abertas aproban este xoves a candidatura nacionalista liderada por Rubén Cela
A raíz do proceso Construíndo Futuro incorporáronse na lista persoas non militantes que incrementan e avalan a introdución social do BNG
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2015.- BNG - Asembleas Abertas convocan unha asemblea para aprobar a candidatura encabezada por Rubén Cela coa que concorrerán ás eleccións municipais de maio de 2015 para vertebrar Santiago de Compostela cunha idea de país. O acto, aberto ao público, será mañá xoves ás 19:15 horas na Facultade de Filosofía, na praza de Mazarelos.
Logo dun proceso de asembleas abertas en que se propuxeron nomes e perfís para conformar a listaxe nacionalista de Santiago de Compostela, aprobouse un primeiro tramo conformado por Rubén Cela, Goretti Sanmartín, Rafael Vilar, Concha de la Fuente, Lois Calvelo, Pilar Lueiro, Odilo González, Marta Domínguez, Lois Mouriño, Lucía Carreira, Salvador Martí, Manuel Domínguez e Margarita Ledo.
Así, a raíz deste proceso Construíndo futuro, incorporáronse máis persoas non militantes do BNG a esta candidatura que mañá xoves se aprobará ao completo, até o posto 25, baixo a garantía de diálogo, transparencia e cohesión, para vertebrar a cidade cunha idea de país.
Nesta asemblea, ademais de aprobar a candidatura, exporanse os métodos para participar na elaboración do programa electoral e debaterase sobre temas de actualidade local.