PLENO
O BNG traslada diversas propostas ao Pleno para mellorar a seguranza viaria e os servizos públicos no barrio da Almáciga
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021.- O BNG traslada ao Pleno unha batería de reclamacións da zona da Almáciga co fin de incrementar a seguranza viaria, a mellora dos servizos públicos e as actuacións municipais.
“Veciñanza da zona da Almáciga trasladou ao BNG a necesidade de mellorar a seguranza viaria nas rúas de Touro e de Teo, coa instalación dun espello que facilite a visión para as persoas condutoras que transitan por esa vía, posto que na actualidade hai risco de sufrir colisións ao descoñecer se se aproximan outros vehículos nese cruzamento”, explicou Navia Rivas, concelleira do BNG.
Fonte da Almáciga sen auga
“Ademais, o grupo municipal do BNG recibiu a preocupación veciñal pola fonte que desde o verán quedou inutilizada, cando era un elemento patrimonial en que adoitaban recoller auga ademais de servir de espazo de encontro social para persoas de distintas idades”, indicou a concelleira. Trátase dunha fonte de pedra cunha gran pía e cun cruceiro tradicional situado na parte superior.
A veciñanza descoñece se se suprimiu a subministración por mor da seca, da baixada da auga da capa freática ou por estar contaminada e non ser apta para o consumo. De feito, colocaron un cartel no cano da auga para reclamarlle ao Concello que a arranxe. Deste xeito, o BNG preguntaralle ao Goberno local cando ten previsto proceder a solucionar o problema de subministración de auga na fonte da Almáciga.
Obras na avenida de Salamanca
Sobre as obras na avenida de Salamanca, o BNG recibiu queixas sobre a baixa calidade desta actuación municipal, pois o pavimentado da beirarrúa quedou mal selado, porque solta grava e xa nacen herbas. Isto provoca o descontento da veciñanza que, aínda que recoñece que está ben que colocasen bancos e arranxasen as papeleiras, considera que a actuación realizada non é suficiente, está mal compactada e é de baixa calidade.