ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín lembra que o alcalde non se atreveu a votar a favor dunha proposta do BNG para subir os fondos da Capitalidade

BNG
BNG

Bugallo cala diante do Goberno do Estado e do Goberno da Xunta porque é unha persoa submisa ás esixencias tanto do PP como do PSOE en Madrid

Goretti Sanmartín lembra que o alcalde non se atreveu a votar a favor dunha proposta do BNG para subir os fondos da Capitalidade

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021.-  “Desde o Bloque Nacionalista Galego de Compostela consideramos unha indignidade e oportunismo político que o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, critique agora a falta de novas achegas á Capitalidade e ao Consorcio por parte dos Orzamentos da Xunta, cando votou en contra dunha proposta do BNG para, xustamente, incrementar a partida á Capitalidade poñendo de relevo todos os estudos que hai que sinalan que se recibe moito menos diñeiro do que Santiago merece”, afirmou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG en Santiago ao fío das valoracións sobre os Orzamentos da Xunta para Santiago.

O BNG leva anos coa reclamación da suba destas achegas do Estatuto de Capitalidade e esta non foi unha esixencia que o alcalde puxese enriba da mesa ao presidente da Xunta nas numerosas ocasións en que que reuniron “nin se atreveu a votar a favor desta proposta dunha iniciativa do BNG no Pleno”, sinalou.

“Tamén cando critica a falta de achegas ao Consorcio por parte da Xunta de Galiza non se dá conta de que el é copartícipe porque o Goberno do Estado tampouco pon absolutamente nada extraordinario para o Consorcio da Cidade de Santiago, nun momento en que houbo unha política de propaganda que el mesmo ideou, intentando facer ver que ía haber 281 millóns de euros extras para Santiago de Compostela nunha reunión do Real Padroado que foi todo fume, fotos e declaracións de que iso era o máis importante que lle pasaba á cidade nos últimos tempos e, a partir de aí, el sabía perfectamente que non hai ningún compromiso escrito e que non se vai facer realidade”, advertiu a portavoz do BNG en Raxoi.

Por tanto, 2022 vai ser un ano complicado para Santiago de Compostela, porque será Ano Xacobeo máis unha vez e non haberá achegas específicas para que o Consorcio poida recuperar a súa función de ser un instrumento fundamental para revitalizar e dinamizar a Cidade histórica. “Iso non se produce porque o alcalde fai deixación de responsabilidades, porque Bugallo cala diante do Goberno do Estado e do Goberno da Xunta e, só por oportunismo político, parece querer sumarse ao discurso dunha crítica que non realizou no seu momento porque é unha persoa submisa ás esixencias tanto do PP como do PSOE en Madrid”, indicou Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín lembra que o alcalde non se atreveu a votar a favor dunha proposta do BNG para subir os fondos da Capitalidade