ENERXÍA
O BNG organiza un acto público en Santiago da campaña contra a suba do recibo da luz
Será este martes ás 19:00 horas na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021.- O BNG organiza un acto informativo o martes 26 de outubro ás 19:00 horas na Biblioteca Ánxel Casal enmarcado na campaña contra a suba do recibo da luz. Baixo o título de “Sistema eléctrico e transición enerxética”, contará coa participación de Fernando Branco e de Quico da Silva, do colectivo de debate enerxético Bidán; e de Goretti Sanmatín Rei, portavoz do grupo municipal do BNG.
Este acto vén pola preocupación da veciñanza pola escalada diaria no prezo da luz no mercado maiorista. Cómpre lembrar que as principais empresas eléctricas tiveron un beneficio conxunto duns 15 millóns de euros diarios no 2020 e son auténticas protagonistas do funcionamento do sector, xa que até a actualidade os diferentes gobernos do Estado só lexislaron para favorecelos.
No ano 2020 exportouse un 64% da electricidade sen que Galiza se beneficie disto como país nin teña a compensación ambiental, social e económica que lle podería corresponder cunha tarifa eléctrica galega.
Máis do 80% dos concellos galegos teñen algunha central de xeración e as empresas eléctricas dispoñen do uso dos ríos e dos montes, durante un cento de anos no casos das concesións hidroeléctricas ou para a eternidade nas autorizacións administrativas actuais aos eólicos. Todo isto sen participación nin promoción pública, cando as poucas industrias que quedaban na Galiza ligadas ao sector eólico, como Siemens-Gamesa e Vestas, pechan sen resolver este grave problema de industrialización por parte da mediación das administracións.