PLENO

O BNG propón unha revisión para unificar as delimitacións xeográficas oficiais do concello de Santiago

Santiago de Compostela
Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín reclama revisar e completar a sinalización toponímica, moi deficiente tanto no ámbito urbano como no rural

O BNG propón unha revisión para unificar as delimitacións xeográficas oficiais do concello de Santiago

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021.-  O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego defenderá unha proposición no Pleno para a unificación oficial da delimitación xeográfica e a sinalización toponímica de Santiago de Compostela, tanto das entidades de poboación, divisións e agrupamentos como dos lindes cos concellos próximos.

Santiago de Compostela non dispón dunha delimitación xeográfica oficial única aprobada e publicada cos topónimos oficiais correspondentes de cada lugar e parroquia. Así, non existe unha cartografía actualizada e oficialmente aprobada que delimite as divisións xeográfico-administrativas sobre a identificación correspondente das distintas unidades de poboación, segundo consta en diversos informes municipais.

Deste xeito, o BNG quere que se unifiquen os criterios denominacións que se usan para definir o concepto de entidade de poboación, entidade singular, entidade colectiva, núcleo urbano, núcleo diseminado, lugar, barrio e parroquia.

De feito, na actualidade existen listaxes diferentes segundo se realice a consulta. Por poñer exemplos, a parroquia de Sar non aparece no nomenclátor municipal mais si no da Xunta e as parroquias de Santa Susana e de San Pedro non se recollen en ningún dos dous directorios. Xunto a isto, o ámbito territorial dos planos da parroquia de Vidán que manexan o Concello e a Xunta difiren nesa delimitación oficial. Outro exemplo é o de Angrois, que sae como lugar no nomenclátor da Xunta, con tres referencias (rúa, travesa e Camiño Real) no Padrón municipal e sen correspondencia con ningunha das unidades poboacionais do INE.

Con esta iniciativa quérese tamén que o Concello de Santiago realice os traballos necesarios para a delimitación xeográfica precisa e graficamente documentada de todas as entidades de poboación, as súas divisións e agrupamentos, ademais de unificar oficialmente os lindes cos concellos veciños e os barrios no ámbito urbano.

Ademais, o BNG propón que o Concello de Santiago revise e complete a sinalización toponímica dos lugares do ámbito municipal, moi deficiente tanto no ámbito urbano como no rural.

 

 

O BNG propón unha revisión para unificar as delimitacións xeográficas oficiais do concello de Santiago