DEPORTES
O BNG trasladará a XADE a petición para revisar o mantemento do sistema de emerxencia do Multiusos Fontes do Sar
As escaleiras, que teñen menores dimensións do que lle corresponde, teñen lámpadas do dispositivo de seguranza avariadas
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2019.- O grupo municipal do BNG trasladará á vindeira reunión do Consello de Administración de XADE, a sociedade mixta para a Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos de Santiago de Compostela, diversas deficiencias atopadas no recinto do Multiusos Fonte do Sar relacionadas coa falta de mantemento das instalacións.
En concreto, búscase unha solución para as escaleiras, que teñen lámpadas de emerxencia soltas que non foron substituídas nin retiradas. Este sistema debe entrar en funcionamento de xeito automático de producirse un fallo na iluminación xeral ou cando haxa caídas de tensión, ademais de servir para iluminar os sinais de evacuación para que se poida abandonar o recinto a través das saídas previstas en caso de situación de emerxencia.
Tamén deben garantir que durante a celebración de espectáculos ou acontecementos deportivos as portas de emerxencia situadas nos corredores non estean bloqueadas para facilitar o desaloxo.
Outro dos problemas que se detectan é que os chanzos das escaleiras de acceso á bancada superior son de menores dimensións ao que corresponde por seguranza, pois non cabe un pé na superficie (que é inferior a 28 cm), o que pode supor un problema en caso de que haxa que evacuar o recinto de forma precipitada, posto que se trata dun espazo que acolle milleiros de persoas en eventos deportivos e concertos.
Por estes motivos, o BNG trasladará á vindeira reunión do Consello de Administración de XADE a petición de que se revise o sistema de emerxencia do Multiusos Fontes do Sar e se acometan as reparacións necesarias para o seu normal funcionamento.