PLENO

O BNG vota en contra da comisión de investigación pola falta de credibilidade e o contexto electoral das acusacións do PP

“Non imos participar na caza de bruxas que iniciou o PP nin dedicar o noso tempo a investigar quen é amigo de quen no facebook”, advirte Goretti Sanmartín

O BNG vota en contra da comisión de investigación pola falta de credibilidade e o contexto electoral das acusacións do PP

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, destacou no Pleno extraordinario sobre a comisión de investigación dos contratos menores que “pouca ou ningunha credibilidade teñen estas acusacións do PP, que se moven no campo da ética mais facendo publicamente comentarios dunha gravidade tal que só pode deprenderse o camiño inmediato á Fiscalía”. “A dous meses dunhas eleccións, as organizacións políticas deberiamos ter que estar a falar dos problemas que lle importan á xente para mellorar Santiago de Compostela”, indicou.

Enmarcou estas acusacións no contexto de eleccións, cando “non parece este o momento máis acaído para iniciar unha Comisión de Investigación por sucesos que debe dirimir, desde a perspectiva ética -ou de estética e de exemplaridade públicas, como din no seu escrito- a poboación co seu voto ou, desde a perspectiva penal, se os feitos foren constitutivos de delito, os xulgados”.

“Queremos afirmar con rotundidade que non imos participar na caza de bruxas que iniciou o PP nin dedicar o noso tempo a investigar quen é amigo de quen no facebook”, advertiu a portavoz do BNG.

Así, afirmou ter “a completa certeza” de que detrás de casos citados polo PP “non hai nada que investigar”. “Tamén sabemos que se lles fixo un dano importante a certas empresas, dano de que vostedes son os responsábeis”, sinalou, “falan vostedes de propostas de entidades e iniciativas das máis dinámicas do Santiago dos últimos anos, de compañías de teatro de recoñecido prestixio ou de coordinacións de programas realizados por empresas sobre as que non cabe ningunha sospeita”.

Para o BNG, o grave son os contratos irregulares das concesionarias, “unha situación tan prolongada no tempo que nos levou a tomar unha decisión tan dolorosa como abandonar o Consello de Administración de Xade”. Referiuse á ORA, ás pistas de pádel, á Escola Municipal de Música, ao servizo de limpeza, entre outros. “Aquí si se dan contratos a dedo a empresas que hai tempo que remataron a súa prestación de servizos en determinadas condicións. Nesta situación de múltiplas concesionarias sen contrato vulnérase o dereito doutras empresas a concorrer, a prestar ese servizo tras o remate do período concesionado, prívasenos de nos beneficiarmos de ofertas máis vantaxosas para o conxunto da poboación e, sobre todo, ficamos todo o mundo con grande inseguranza xurídica, tanto para as propias empresas, como para traballadoras e traballadores e persoas usuarias, engadiu.

Así, manifestou que fronte á criminalización dos contratos menores, unha tipoloxía legal perfectamente tipificada e regulada, que non significa o mesmo que "contratos a dedo" como moitas veces de maneira demagóxica, reducionista e non exenta de populismo se quere trasladar. “Moitas veces os contratos a dedo e a corrupción están nos contratos maiores, nas grandes concesións, no propio BOE”, advertiu.

“O que sen dúbida pode haber é abusos no uso dos contratos menores e poden realizarse melloras nos procedementos de contratación, como teñen sinalado en diferentes momentos os informes da Intervención e tamén falta de transparencia”, explicou Goretti Sanmartín. 

O BNG vota en contra da comisión de investigación pola falta de credibilidade e o contexto electoral das acusacións do PP