EMPREGO

Goretti Sanmartín reclama, no Día da Clase Obreira Galega, a necesidade de afortalar o tecido industrial para a creación de emprego en Compostela

20190310_122400
Manifestación

O BNG defende un modelo político que atenda os recursos do noso país para favorecer salarios, pensións e condicións de dignas para a clase traballadora

Goretti Sanmartín reclama, no Día da Clase Obreira Galega, a necesidade de afortalar o tecido industrial para a creación de emprego en Compostela

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, participou na manifestación convocada pola CIG con motivo do Día da Clase Obreira Galega, onde destacou a necesidade de afortalar o tecido industrial en Santiago de Compostela ademais de procurar sinerxías coa Universidade para adoptar políticas destinadas á creación de emprego.

Co lema “Recuperar dereitos para avanzar”, a marcha transcorreu da praza Roxa á praza do Toural, onde se salientou o éxito da folga e das mobilizacións do 8 de marzo, con referencia á reivindicación dos dereitos laborais das mulleres, e a necesidade de que o Goberno galego adopte as 100 medidas da Iniciativa Lexislativa Popular da CIG para a creación de emprego. Enumeráronse tamén as distintas empresas e colectivos de Santiago de Compostela afectados por ERE, recortes de dereitos, despedimentos e en fase de negociación de convenios, que están a mobilizarse nos últimos meses por mor da situación de precariedade laboral que padecen.

O peche de empresas e a emigración son dúas constantes indicadoras de que aínda se mantén a crise económica provocada polas políticas neoliberais en Galiza. Isto vén derivado de que o Goberno español do PSOE mantén o modelo económico nacido das reformas laborais de 2010 e 2013 do PP, que supoñen un recorte de dereitos e de negociación colectiva.

Sinalouse tamén na mobilización que as medidas aprobadas nos últimos meses e as que se anuncian nos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, como o decreto sobre o salario mínimo, resultan insuficientes para recuperar os dereitos roubados durante a crise. Por estes motivos, o BNG defende outro modelo político que atenda a realidade e os recursos propios do noso país co obxectivo de que vaia destinado á creación de emprego, salarios, pensións e condicións de dignas para a clase traballadora.

Goretti Sanmartín reclama, no Día da Clase Obreira Galega, a necesidade de afortalar o tecido industrial para a creación de emprego en Compostela