ENSINO
Rubén Cela ironiza con agasallar o alcalde cun calendario para facer en prazo as contratacións dos comedores escolares
Cuestiona a falta de diálogo coas ANPAs e que o alcalde non tomase en consideración as súas propostas
Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou que despois da calamitosa xestión e o pésimo resultado na contratación dos comedores escolares, a dous días do remate do curso, aínda está sen iniciar o proceso do vindeiro curso.
Engadiu tamén a falta de dilixencia para contratar o servizo da escola infantil de Salgueiriños, investigada na Pokemon, que leva dende o 18 de abril sen contrato e sobre o que tampouco se iniciou a contratación do vindeiro curso.
Para o BNG, isto era evitábel, “máxime despois do acontecido o pasado ano, se o Goberno local habilitase unha partida no Orzamento con independencia de que logo se cobrase o correspondente polos ingresos da Xunta”, explicou.
Ironizou Rubén Cela con regalarlle ao alcalde un calendario para facer en prazo as contratacións do servizo de comedores escolares, pois vai chegar setembro e o procedemento estará inacabado.
Así, explicou que “ao superar os 200.000 ten que ir ao Diario das Comunidades Europeas, un trámite que implica como mínimo 40 días”, e a partir de aí hai que realizar 3 mesas de contratación cos correspondentes prazos para analizar os informes, pago de taxas e entrega de documentación. Ademais, ao ser un concurso que está sometido a recurso especial non se pode adxudicar inmediatamente senón que a lei obriga a agardar 15 días hábiles desde que notifiquen os resultados ás empresas; tendo en conta que calquera recurso é paralizante do proceso. Deste xeito, “dificilmente vai estar adxudicado ao inicio do curso escolar”, sinalou
O BNG cuestiona tamén a falta de interlocución coas ANPAs, cando a federación realizou un estudo do servizo e convocou os grupos a unha xuntanza o pasado 3 de marzo para presentar as súas propostas que non foron tomadas en consideración.
Destacou, ademais, que o BNG xa instara o pasado 31 de marzo ao Goberno de Compostela Aberta a iniciar o proceso de contratación dos comedores escolares para cumprir os prazos e introducir as melloras propostas pola comunidade educativa.
Requiriu tamén que xestionase coa Xunta a asunción desta competencia que lle corresponde, pois na actualidade hai 5 modelos diferentes de xestión nos centros de ensino de Santiago de Compostela (A Sionlla, xestión da Xunta e cociña propia; López Ferreiro, xestión da ANPA e cociña propia; Lamas de Abade, cociña do centro de FP de Hostalería; Pío XII xestión da ANPA e catering; e 9 centros restantes xestionados polo Concello cun servizo externalizado).