CATEDRAL
O BNG reclama que se instalen lonas coas fotografías da fachada da Catedral mentres duren as obras de restauración
En 2013 anunciouse esta medida para evitar que a tea de andamio oculte a beleza deste monumento
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2017.- O grupo municipal do BNG reclama que se realicen as xestións necesarias para a instalación de lonas con imaxes que reproduzan a fachada da Catedral de Santiago de Compostela mentres duren as obras de restauración para favorecer o seu ornato.
En novembro de 2013 anunciouse que a fachada da Catedral de Santiago de Compostela ía ser cuberta con lonas de fotografías impresas que reproducisen a imaxe da fachada oculta baixo os andamios instalados por mor das obras de restauración.
Porén, esas lonas que ían cambiar de localización a medida que avanzasen as obras para cubrir cada parte en que se traballase en cada momento, segundo se anunciou, non se seguiron a instalar polo que o ornato que ofrece o monumento debido ás estadas recubertas con tea azul non é o máis adecuado para as súas características.
Deste xeito, o BNG trasladará unha iniciativa ao vindeiro Pleno para que o Goberno local reclame que se retome a colocación das lonas con decoración arquitectónica e artística como se realiza nos edificios monumentais.