Co ritmo lento do Goberno de CA é difícil que conclúan as obras anunciadas antes do 31 de decembro
Advirte do uso partidario da institución para anunciar estes investimentos públicos, ao exhibir o logotipo de Compostela Aberta na presentación
Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2016.- O grupo municipal do BNG, sobre os proxectos en que o Concello de Santiago ten previsto investir os remanentes do exercicio do 2015, manifestou que a súa tramitación confirma que as obras puideron comezar moito antes e advirte da dificultade de que conclúan antes do 31 de decembro co ritmo lento do Goberno local de Compostela Aberta.
Para o BNG, a tramitación destes remanentes vén confirmar dúas cousas que xa advertira con anterioridade: o baixo nivel de execución orzamentaria e o atraso que provoca a mala xestión, porque as obras urxentes puideron comezar moito antes cun modificativo de crédito.
Deste xeito, Rubén Cela alertou do baixísimo nivel de execución orzamentaria no exercicio 2015, unha responsabilidade compartida entre o PP e Compostela Aberta, dixo, e que vai polo mesmo camiño en 2016. Compostela Aberta intenta venderlle agora ás asociacións veciñais que se van poder acometer estes investimentos pola súa boa xestión e porque hai superávit, cando é todo o contrario. Vanse tramitar agora estas actuacións porque, en 2015, do capítulo de investimentos só foron capaces de executar o 28%. É dicir, de cada 100 euros que tiveron para facer obras en Santiago deixaron máis de 70 sen executar a pesar de estar a cidade, especialmente as calzadas e beirarrúas, nun estado lamentábel.
A maioría destas obras propostas puideron comezar hai un ano, non había que agardar até agora posto que desde xullo de 2015 Compostela Aberta puido realizar un modificativo de crédito e facer actuacións especialmente urxentes na rede viaria que constitúen hoxe un perigo para persoas condutoras e peóns, indicou.
Unha vez máis, ao igual que acontece co plan de rebacheo, acometeranse obras a destempo, en vez de aproveitar os meses de menos chuvias, sinalou Rubén Cela.
Ademais, moito nos tememos, que se a axilidade do Goberno municipal na tramitación e execución de obras é a mesma que a de até agora, a pesar de que o grupo de goberno optou por proxectos que xa tiña avanzados na súa tramitación ou de pouca envergadura, sexa difícil que teñan todos os traballos rematados e facturados antes do 31 de decembro de 2016, como é preceptivo para o uso destes fondos, explicou.
Uso partidario da institución
Por outra banda, advertiu do uso partidario da institución para anunciar estes investimentos públicos, ao exhibir na web municipal o logotipo de Compostela Aberta nunha foto da concelleira de Facenda e na documentación das obras, ficheiros que foron retirados logo de cuestionar este feito o BNG.