Coa ORA frustráronse as expectativas da xestión pública dos servizos municipais
Defende que Compostela Aberta actuou con frivolidade ao non executar a sentenza da ORA de 2015 e concederlle 5 prórrogas á empresa co contrato anulado
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, realizou unha avaliación do auto xudicial sobre a concesión da ORA e do guindastre e sobre como afecta ao proceso de municipalización deste servizo. “Perdeuse unha oportunidade única porque se hai que adxudicarlle á empresa Doal o contrato é evidente que no curto prazo o Concello de Santiago non vai municipalizar o servizo da ORA e do guindastre”, afirmou.
“O BNG leva ano e medio dicindo que ía acontecer isto e o tempo demostra que, por desgraza, tiñamos razón”, expresou, “porque é evidente que se existía unha sentenza do 24 de setembro de 2015 que anulaba o contrato á empresa Setex-Aparki non parecía razoábel que o xeito de executar esa sentenza fose prorrogar até en 5 ocasións”. “Non fai falta ter unha bola máxica para saber que así non se executaba esa sentenza”, engadiu.
Fomos moi críticos e dixémoslle ao Goberno que se trabucaba e que, cando menos, fixese unha consulta ao Xulgado se non tiñan claro como executar a sentenza. “Cada vez que diciamos iso, o Goberno local acusábanos de torpedear e de pór paus nas rodas porque aseguraban que estaban a actuar coas máximas garantías xurídicas”, explicou Rubén Cela.
“Despois de moito teatro, o resultado práctico é este, non se vai municipalizar o servizo da ORA e do guindastre en Santiago de Compostela, non por culpa do PP nin de Montoro, nin da disposición adicional dos Orzamentos, nin dos informes de Persoal, de Intervención e do secretario, non por culpa da oposición nin porque o Goberno central ou a patronal presentasen un recurso como fixeron noutras cidades: a culpa é exclusiva do Goberno de Compostela Aberta”, afirmou.
Para o BNG, “non é un feito illado” é un xeito de proceder do Goberno de Compostela Aberta caracterizado pola propaganda porque o Pleno de municipalización da ORA queda “en papel mollado” é “só valeu para crear unhas falsas expectativas en xeral e nos traballadores da empresa Setex-Aparki en particular”, indicou.
O BNG solicitará unha comisión informativa para dar conta da liquidación deste contrato, ademais de saber as repercusións económicas derivadas desta actuación e das prórrogas realizadas, así como a situación do expediente por responsabilidade do que se falaba no informe da asesoría xurídica sobre os parquímetros.
Sinalou tamén que Compostela Aberta actuou “con frivolidade” e “frustráronse as expectativas dos traballadores neste proceso de municipalización” e tamén da veciñanza que defende que a xestión pública dos servizos municipais.