ORZAMENTOS XUNTA
Dende que Feijóo é presidente da Xunta reincide no agravio orzamentario con Santiago de Compostela
“Parécenos especialmente grave que non se consignase ningunha partida para a creación da residencia de terceira idade prevista para as Fontiñas, pois é un novo incumprimento dos anuncios do presidente da Xunta”, indicou Rubén Cela
Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, destacou que os orzamentos da Xunta para Santiago “non están á altura do que precisa e merece a capital de Galiza, que Feijóo trata como unha cidade de segunda”.
“Os Orzamentos no papel son malos e, pola experiencia da execución dos últimos anos, é previsíbel que sexan moito peores”, indicou, “pois dende que Feijóo é presidente da Xunta de Galiza reincide no agravio orzamentario con Santiago de Compostela”.
No plano positivo, Rubén Cela destacou que se concreta nos orzamentos a nova Facultade de Medicina e a ampliación do hospital, para o reclama “que dunha vez Xunta e Concello ofrezan unha solución ao aparcadoiro”.
Non é positiva a conxelación á baixa de partidas do Estatuto de Capitalidade e do Consorcio, que están reducidas dende os anos máis duros da crise, pese a que intenten anuncialo como de mantemento, sinalou.
Nestes orzamentos “o máis importante é o que lles falta, non o que recollen”, pois son os relativos á política social e a compromisos históricos como o centro de saúde de Conxo, a Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio, as vivendas de protección en Xoán XXIII, as escolas infantís, os centros de maiores e os centros de día, que “nos últimos 8 anos Feijóo non creou unha soa praza destas características”.
“Ademais, parécenos especialmente grave que non se consignase ningunha partida para a creación da residencia de terceira idade prevista para as Fontiñas, pois é un novo incumprimento dos anuncios de Feijóo”, concluíu.