ASOLAGAMENTOS
O BNG reclama que o Concello avance no plan de actuación contra os asolagamentos aprobado hai dous anos
Require intensificar o labor de retirada de follas e pólas acumuladas tras os restos do furacán Ophelia
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2017.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, reclamou en rolda de prensa que se axilicen os traballos de retirada de folla e pólas caídas durante o temporal provocado na pasada fin de semana polos restos do furacán Ophelia co obxectivo de evitar asolagamentos.
Así, lembrou que non se ven avances do “Plan de actuación contra os asolagamentos” que presentou o concelleiro Xan Duro o 17 de novembro de 2015 sobre un estudo que realizara Viaqua que detectaba 19 puntos negros de risco de inundacións. Dese plan só se actuou de xeito parcial en Pelamios, no Olvido e no Franco. “Dous anos despois aínda queda todo por facer”, advertiu.
Para Rubén Cela, “era previsíbel, segundo os prognósticos meteorolóxicos, que os restos dese furacán ían traer rachas fortes de vento na Galiza que tamén afectarían a Santiago de Compostela”, así aceleraron a caída de folla “que é propia desta altura de ano” e quedaron determinadas zonas da cidade como Fontiñas, Campus sur, Pelamios, Xoán XXIII e Vite, entre outras moitas que teñen arborado de folla caduca.
Isto ten unha dobre dimensión, por unha banda en materia de seguridade, pois a folla e ramallos caídos en rúas, camiños e beirarrúas é especialmente esvaradía; mais tamén “ten o problema do tupido da rede de sumidoiros”. Así, demandoulle ao Goberno municipal que axilice ao máximo posíbel a retirada desas follas antes de que se acumulen máis e de empece a chover dun xeito continuado para evitar episodios como os de finais de agosto cando rebordaron os sumidoiros, por non estar limpos logo dunha tempada de seca.