INFRAESTRUTURAS
A estación intermodal de Santiago será de segunda categoría pola pésima negociación de Noriega coa Xunta e co ADIF
Rubén Cela insiste no agravio económico de destinar 57 millóns de euros á de Santiago fronte aos 126 de Vigo e 93 de Ourense
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2017.- O grupo municipal do BNG destaca o agravio do proxecto da estación intermodal de Santiago de Compostela con respecto a outras cidades galegas que se aprobará hoxe na Xunta. “A estación intermodal de Santiago será de segunda categoría pola pésima negociación do equipo de Martiño Noriega coa Xunta e co ADIF, ao que hai que sumarlle o atraso de anos na aprobación e na licitación do proxecto por parte do PP”, afirmou.
O proxecto, pese a que mellora as instalacións actuais, non é do nivel que precisa unha cidade como Santiago de Compostela, porque lonxe de ser unha verdadeira estación intermodal será unha nova estación de autobuses conectada por unha pasarela cuberta coa vella estación de tren ampliada, explicou o portavoz nacionalista.
Así, Rubén Cela insistiu no agravio económico que supón, pois a esta estación de Santiago destinaranse 57 millóns de euros, fronte a Vigo con 126 millóns de euros sobre os 93 proxectados inicialmente e Ourense con 100 millóns de euros.
Compostela Aberta acepta, na práctica, o proxecto que o PP tiña previsto para Santiago de Compostela, o que evidencia a boa sintonía para chegaren a acordos sen a ambición necesaria para melloralo substancialmente en beneficio da veciñanza.