MOBILIDADE
O goberno local estudará de urxencia as posibilidades para atopar unha solución que mellore o servizo de autobuses urbanos
Considera que os recursos do contrato do transporte evidencian a ineficacia do PSOE para realizar os pregos
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2023.- O goberno municipal de Santiago de Compostela destaca que a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública (TacGal) de estimar parcialmente tres recursos contra os pregos de contratación da xestión do servizo público de transporte urbano é unha proba da ineficacia do goberno saínte do PSOE con claras repercusións negativas para o conxunto da poboación. Trátase dun atranco que atrasa a posta en marcha do novo servizo de transporte urbano.
O novo goberno local traballará con toda a dilixencia para arranxar o proceso da licitación do concurso co obxectivo de que o novo servizo de transporte responda ás necesidades da veciñanza. Lembra que o anterior goberno socialista iniciou a licitación do servizo do transporte público un mes antes das eleccións municipais despois de catro anos de inacción, sen a mínima transparencia e sen o diálogo que esixe un contrato que ía ter un prazo de execución de 13 anos e un orzamento de 86 millóns de euros. Agora demóstrase que os pregos teñen numerosas eivas, froito da precipitación e das présas que lle entraron ao goberno socialista en tempo de desconto do pasado mandato e sen atender as demandas da veciñanza nin do persoal traballador para ofrecer un mellor servizo.
Desde o goberno municipal vanse estudar de urxencia as posibilidades que se abren a partir desta resolución do TacGal, para resolver canto antes o procedemento.
En calquera caso, advirten desde o goberno do Bloque Nacionalista Galego e de Compostela Aberta que esta situación forma parte da débeda que deixou o PSOE, da que o novo goberno local non é responsábel e que tentará solucionar o máis axiña posíbel para ofrecer un mellor servizo de transporte público en Santiago de Compostela.