CO CORAZÓN EN COMPOSTELA

Goretti Sanmartín afirma que "2023 será o ano do BNG en Santiago de Compostela"

Goretti Sanmartín e Xesús Domínguez, no almorzo informativo do BNG
Goretti Sanmartín e Xesús Domínguez, no almorzo informativo do BNG

“Este é un momento de ilusión, de enerxía, de que Santiago saia do letargo en que nos sumiu o goberno esgotado do PSOE”, indica Xesús Domínguez

Goretti Sanmartín afirma que "2023 será o ano do BNG en Santiago de Compostela"

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2023.- A portavoz municipal e candidata á Alcaldía do BNG, Goretti Sanmartín, afirmou durante un almorzo informativo con xornalistas que “2023 será o ano do BNG en Santiago de Compostela”. Xesús Domínguez, responsábel local do BNG, indicou que o BNG aspira a concentrar todo o voto descontento da esquerda e a xuntar as vontades de todas as persoas que teñen o corazón en Compostela”.

“Estamos nun momento emocionante, en que se vai producir un cambio á fronte do goberno de Santiago, para que o noso concello se sitúe na vangarda e sexa referente en políticas culturais, ambientais, de promoción económica, de conciliación e de aposta pola diversificación económica e a innovación, coa Universidade como motor principal”, indicou Goretti Sanmartín. “Compostela precisa un novo liderado e estou preparada para dar un salto e, con ambición, desenvolver o modelo de cidade e de rural que arelamos, un modelo xa recoñecíbel en moitos outros concellos, os dos gobernos municipais do BNG”, engadiu.

Deste xeito, anunciou que vai intensificar as reunións por barrios e parroquias e con colectivos sociais e, nas próximas semanas, dará a coñecer o primeiro tramo da candidatura do BNG, as persoas que conformarán os primeiros postos da listaxe e “que serán persoas con capacidade de xestión, amplo coñecemento municipal e dedicación total para axilizar a maquinaria do Concello de Compostela e abrir unha etapa dun futuro mellor; é un equipo preparado para gobernar”.

Situar as persoas no centro das prioridades, desenvolver políticas pensadas desde Santiago e para a xente que vive e traballa aquí, recuperar o pulso cidadán e traballar man con man, de xeito participado e transparente cos sectores máis dinámicos da cidade. “Velaí a chave das propostas para que o BNG está preparado e ilusionado, somos a cidade con mellores resultados en porcentaxes do nacionalismo en Galiza nos últimos procesos electorais e 2023 será o ano do BNG en Compostela”, explicou.

Segundo sinalou, “Bugallo representa nesta altura un goberno esgotado, carente de proxecto, desunido e sen liderado, con incapacidade para afrontar os retos que temos por diante” e referiuse á humanización e á loita contra o cambio climático, a recuperación da vitalidade da cidade histórica, o mantemento constante daquilo que se fai ou posuímos, o desenvolvemento da axenda 2030, a loita contra a pobreza e a exclusión, a aposta pola diversificación económica, a atención á conciliación e á igualdade, o reequilibrio da discriminación histórica do rural e dos barrios e a xestión eficaz municipal con escoita activa daquilo que teñen que dicir as persoas que viven aquí e teñen o corazón en Compostela.

Para Goretti Sanmartín, a mostra máis evidente do esgotamento do proxecto do PSOE é a renuncia a ter orzamentos en 2023. “Saben que o seu tempo xa pasou e non queren aproveitar para beneficiar o conxunto da poboación con investimentos dun orzamento que deixan para o novo goberno, é un abandono total das súas responsabilidades”, incidiu. “Iso foi o que sentimos todo este tempo cun alcalde submiso cos gobernos da Xunta e do Estado e que mentiu e perdeu toda a súa credibilidade cando prometeu unha chuvia de millóns para Compostela, a través do Consorcio da cidade, con 181 millóns de euros que non chegaron e que hoxe non pode nin afrontar investimentos mínimos para que os edificios poidan estar insonorizados e rehabilitados, xa sen falarmos da necesidade de mercalos para os dedicar a aquilo que precisamos: xente que resida e teña os seus negocios aquí día a día”, engadiu.

O BNG ten proxecto de futuro e un equipo preparado para gobernar

O BNG ten modelo de cidade, proxecto de futuro, xente preparada para abrir un novo tempo de esperanza. Así, fixo un chamamento “para que todas as persoas que teñan o corazón en Compostela e queiran colaborar connosco que se poñan en contacto co BNG no Concello, e no correo electrónico [email protected] porque será entre todas e todos, cun proxecto transformador e ilusionante que mudaremos Santiago de Compostela”.

“É o momento de que a xente que confía para que traslademos os seus problemas ao pleno municipal, que tamén o faga para que esas iniciativas se fagan realidade a partir de maio de 2023”, dixo, “pido a confianza no BNG para desenvolver políticas coas persoas no centro pensadas co corazón en Compostela para a xente que vive e traballa aquí”.

Pola súa parte, Xesús Domínguez indicou que “o BNG vai a por todas nas vindeiras eleccións municipais, sabemos que estamos nun moi bo momento, e así como en 2024 Ana Pontón será a presidenta da Xunta de Galiza, imos traballar para que tamén haxa un cambio de goberno en Raxoi e Goretti Sanmartín sexa a próxima alcaldesa”.

Anunciou que o BNG dedicará os próximos meses a contrastar as propostas con todos os sectores sociais e veciñais, “coas alternativas do BNG e que incluiremos nun programa que será participativo e contará coas ideas que recollamos tras esta intensificacións de reunións”.

“Este é un momento de ilusión, de enerxía, de que Santiago saia do letargo en que nos sumiu o goberno do PSOE, un goberno sen ideas nin modelo de cidade, un goberno esgotado e con nula capacidade de xestión, que ten que dar paso a un momento novo, o do liderado de Goretti Sanmartín”, explicou.

 

 

Goretti Sanmartín afirma que "2023 será o ano do BNG en Santiago de Compostela"