OBRAS
Goretti Sanmartín defende un cambio no proxecto para corrixir o desnivel da estrada na N-634 da Lavacolla como propón a veciñanza
Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2023.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín; o deputado Xosé Penas e o responsábel local do BNG, Xesús Domínguez, mantiveron un encontro con veciñanza de Lavacolla afectada polo trazado das obras que se van realizar na N-634 á altura da Sabugueira. “Desde o BNG comprometémonos a demandar unha modificación da primeira fase deste proxecto para que recupere a cota da estrada orixinal, ou se achegue o máis posíbel, e conte con beirarrúas e cunha zona que facilite o acceso a vivendas e negocios de xeito que, ademais de arranxar a vía pública, exista unha reurbanización que beneficie este barrio e incremente a calidade de vida da veciñanza cunha zona de paseo, de aparcamento e outra de parada por uns minutos para facilitar o comercio na zona”, explicou.
Deste xeito, mantivo despois unha reunión no Consorcio co persoal técnico e co concelleiro de Medio Rural para coñecer, de primeira man, o proxecto e propor unha mudanza, co que conseguiu o compromiso técnico de rebaixaren o máximo posíbel a altura da cota da estrada, en 15 centímetros con respecto á actual. Tamén nesa reunión falouse da necesaria convocatoria de axudas propia desa institución destinadas á rehabilitación de inmóbeis na zona de protección do Camiño Francés, algo que tamén afecta á veciñanza da Lavacolla.
Se ben a veciñanza considera positiva a realización de obras sempre que melloren a vía pública, cómpre esa modificación do proxecto xa que o inicial prexudicaba gravemente os accesos ás vivendas e negocios. Segundo lle explicaron a Goretti Sanmartín durante a visita á zona, unha das propiedades afectadas foi construída en 1916 e en 1960 pasou a ser estanco e panadaría coas súas correspondentes vivendas arriba. De feito, está catalogada por Patrimonio como vivenda tradicional de interese cultural, ademais de estar situada no Camiño de Santiago dado que a propia estrada foi durante décadas paso de peregrinación até que o trazado foi desviado por outros camiños cando comezou a súa promoción pola Xunta a través do Xacobeo.
Así, cómpre corrixir o erro da reforma da estrada producido na década de 1970, cando se reformou a vella estrada que unía Santiago co aeroporto da Lavacolla e quedaron as vivendas por baixo do nivel da rede viaria e sen ter en conta a habitabilidade nin os dereitos de acceso. “Toda vez que se van realizar obras e quedarían a un nivel aínda máis baixo é o momento de rebaixar a cota da calzada até o que era antes dos anos 70 e impedir que as casas e os negocios fiquen soterrados baixo a estrada”, indicou Goretti Sanmartín.
Froito do diálogo co persoal técnico do Consorcio, esa cota vai rebaixarse con respecto ao nivel actual da estrada. “Non tiña sentido que fagan unha obra cun orzamento previsto próximo aos 250.000 euros e finalmente que sexa prexudicial para a veciñanza da zona e, deste xeito, co cambio proposto polo BNG contribuirase a corrixir o desnivel actual”, engadiu.