CARTA
Goretti Sanmartín escribe unha carta ás Raíñas Magas chea de bos desexos “con tempos de cambio para mellor” neste 2023
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, subiu ao seu Facebook a carta ás Raíñas Magas chea de bos desexos para compartir neste 2023. Con este aceno, mostra a intención de “confiar no futuro porque virán tempos de cambio para mellor”, en referencia ao proceso das eleccións de maio en que o BNG traballa para liderar o Goberno local.
Na carta, escrita a man, expresa o seu desexo “de que se abra un tempo novo para Santiago, con enerxía e ilusión”. Ademais pídelles ás súas maxestades “que atopemos motivos para sorrir, que as persoas sexan máis felices e o mundo máis solidario”.
Tamén solicita que en 2023 se compartan boas novas coa creación de emprego, que nas casas non falten comida e calor e que finalicen o maltrato e os feminicidios. Ademais, fai referencia a que a xente poida gozar de boa saúde e de bos servizos públicos. Trátase de referencias ás intencións políticas de carácter económico e social desde as que aposta por un cariz humano e solidario, tendo en conta que desde as administracións se debe actuar para afrontar os tempos de crise.
“Confiemos no futuro porque, non teño dúbida, virán tempos de cambio para mellor”, conclúe o escrito para se despedir con agarimo das Raíñas Magas que esta noite visitarán Santiago de Compostela.