CONGRESO

O BNG reclamará no Congreso e na FEGAMP unha modificación da Lei de hidrocarburos para evitar a instalación de gasolineiras en lugares non habilitados nos plans xerais de ordenación municipal

Goretti Sanmartín e Néstor Rego mantiveron un encontro con veciñanza de Brandia
Goretti Sanmartín e Néstor Rego mantiveron un encontro con veciñanza de Brandia

Néstor Rego e Goretti Sanmartín mantiveron un encontro coa veciñanza da urbanización de Brandia afectada polo proxecto dunha gasolineira

O BNG reclamará no Congreso e na FEGAMP unha modificación da Lei de hidrocarburos para evitar a instalación de gasolineiras en lugares non habilitados nos plans xerais de ordenación municipal

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2023.- O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, mantiveron un encontro coa veciñanza da urbanización de Brandia afectada polo proxecto de instalación dunha gasolineira. Na reunión comprometéronse a trasladar á FEGAMP e ao Congreso senllas iniciativas para reclamaren unha modificación da Lei do sector de hidrocarburos que permite a instalación de estacións de servizo sen ter en conta os plans de ordenación municipal.

Néstor Rego lembrou que o BNG presentou iniciativas no Congreso “para modificar a Lei do sector de hidrocarburos do ano 1998, en concreto o artigo 43.2 que vulnera, ao noso xuízo a autonomía municipal e facilita que en espazos comerciais e, por tanto, próximos a zonas residenciais se poidan instalar complementariamente gasolineiras”. “Parécenos que isto non ten absolutamente ningún sentido e, nesa liña, tamén nos comprometemos que, para alén da pregunta e da proposición non de lei (PNL) xa rexistradas cando comezou o conflito, volver presentar agora unha proposición de lei para modificar, xustamente, ese artigo e restaurar a autonomía municipal e, en función do estabelecido nos plans xerais, que a instalación de gasolineiras se faga en lugares adecuados que non afecten a zonas residenciais nin creen problemas para as persoas, de seguranza ambiental ou de colapso de tráfico, como é este caso”, explicou ao rematar o encontro. “É absolutamente razoábel e esperamos que unha iniciativa deste tipo poida saír adiante”, engadiu.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín afirmou que vai trasladar unha proposta á FEGAMP, a través de representantes do BNG nesta institución que agrupa os concellos galegos, co fin de que tamén reclamen unha modificación desta norma estatal que faculta a instalación de gasolineiras sen ter en conta os plans de ordenación municipal invadindo as súas competencias. “Para o BNG, trátase dunha inxerencia na autonomía municipal que vai en contra dos intereses das administracións locais e dos intereses da veciñanza para, simplemente, beneficiar os negocios de venda de combustíbeis”, indicou a portavoz municipal do BNG en Raxoi.

“Evidentemente hai un clamor en contra da instalación destas gasolineiras que agora proliferan por todos os lugares amparándose nesta norma estatal e, concordando co espírito da modificación do PXOM de Santiago que se está tramitando e que vai impedir, en todo caso, que as gasolineiras se instalen en zonas residenciais, a cuestión fundamental é que esta aprobación do PXOM pode ter enfronte unha normativa estatal de carácter superior que continúa amparando esta localización irracional das gasolineiras en zonas residenciais”, sinalou Goretti Sanmartín.

 

O BNG reclamará no Congreso e na FEGAMP unha modificación da Lei de hidrocarburos para evitar a instalación de gasolineiras en lugares non habilitados nos plans xerais de ordenación municipal