Goretti Sanmartín reúnese coa Asociación de Skaters de Santiago
Reclaman mantemento das instalacións de Trasparlamento e axilidade nas obras previstas para o novo parque de skate de Conxo-Santa Marta
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reuniuse con representantes da Asociación de Skaters de Santiago e comprometeuse a levar unha iniciativa ao Pleno coas súas demandas sobre a falta de mantemento e de iluminación nas instalacións do parque de Trasparlamento e a demora nas obras das novas pistas de Conxo-Santa Marta, que foron aprobadas con 150.000 euros nos Orzamentos municipais.
O parque de Trasparlamento require labores de conservación, limpeza e iluminación, pois non se efectúa o mantemento necesario desde que se realizaron as obras. En concreto, non se retiran as follas nin a resina das árbores que quedan depositadas no chan e iso provoca que exista unha superficie pegañenta que dificulta e mesmo impide a práctica deste deporte con seguranza. Ademais, a chuvia arrastra terra e area que non se elimina da zona de patinaxe, hai bordos afundidos e fendas nos elementos de saltos, lousas rotas e bancos sen parafusos de suxeición, o que entraña perigo para as persoas que frecuentan estas pistas de skate. Tampouco existe iluminación, o que limita o horario para poderen practicar este deporte en canto anoitece, algo especialmente necesario durante o inverno.
En canto á zona de Conxo, trasladaron a preocupación pola existencia dunha fenda de 12 metros de longo que se está a abrir, previsibelmente causada por unha obra próxima, e advertiron da presenza de grandes charcos porque a superficie é irregular e non se drena ou escoa a auga da chuvia, co que queda en balsas durante longos períodos de tempo facendo impracticábel a patinaxe nesas condicións. É necesaria unha valoración do estado da praza tras esta fenda que está situada na zona onde se van localizar as ramplas para a patinaxe. Ademais, piden que se instalen paneis informativos para dar a coñecer as zonas para patinar.
Tamén se referiron á necesidade dunha maior flexibilidade por parte da Policía coas persoas que utilizan o monopatín como medio de transporte, tendo en conta que a Ordenanza xeral de circulación e uso da vía pública permite circular en monopatín, a paso de persoa, polas beirarrúa ou polas rúas residenciais debidamente sinalizadas.
Deste xeito, Goretti Sanmartín demandará no Pleno o mantemento das instalacións de skate existente e a axilización das obras do novo parque previsto en Conxo-Santa Marta para que poidan practicar este deporte centos de persoas que teñen esta afección en Santiago de Compostela.