BALANCE

Goretti Sanmartín pide ao 2023 que Santiago saia do letargo en que a sumiu o PSOE.

Goretti Sanmartín (BNG)
Goretti Sanmartín (BNG)
O contrato de transporte sen regularizar, unha pésima xestión e un período medio de pago a provedores que duplica o estabelecido legalmente.
Goretti Sanmartín pide ao 2023 que Santiago saia do letargo en que a sumiu o PSOE.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2022

A portavoz municipal do BNG sinalou que 2022 foi un ano de parálise da xestión municipal: non saíu o prometido contrato de transportes e os autobuses cáense a cachos e teñen avarías constantes, a media do período de pago a provedores está en 68,05 días (fronte aos 30 que marca a lexislación, chegando en agosto aos 83,4, case o triplo), e continúan os problemas nas obras, tanto nas propias (Concheiros, o Hórreo...) como nas realizadas pola Xunta sobre as que falta seguimento e diálogo veciñal (Conxo, Rodríguez de Viguri).

“Este foi un ano desastroso para o transporte público en Compostela, con autobuses avariados e con importantes deficiencias e unha reacción moi tardía do goberno municipal para alugar autobuses de substitución por 55.500 euros ao mes, durante un período que chegará aos dous anos e pagaremos composteláns e compostelás”, indicou Goretti Sanmartín, quen tamén sinalou que o alcalde presentou dous plans de contratación (en 2020 e 2022) que incumpriu e perdeu toda a credibilidade sobre as súas promesas electorais.

Por outra parte, a xestión administrativa continúa sendo nefasta, con atrasos inxustificábeis para pagar as subvencións, de maneira especial as culturais e deportivas, que puxeron en risco entidades e pequenas e medianas empresas e con edificios que caen na Cidade histórica por falta de axilidade nas licenzas e incapacidade de Bugallo de conseguir máis fondos para o Consorcio. Onde fican as promesas de choiva de millóns para Compostela, cunha entidade que nin sequera cobre as demandas de mantemento, insonorización e rehabilitación de edificios?

“As deficiencias na obra do Hórreo foron denunciadas polo BNG, con carrís que non chegaban a ningures e inseguranzas claras que remataron en accidentes para os que non houbo nin previsión nin respostas acaídas por parte do goberno”, sinalou a portavoz do BNG.  É difícil explicar que en 2023 continuemos a falar das obras de Concheiros, con lousas levantadas e bancos situados en lugares inseguros, mesmo surrealistas. E con continuos cambios de decisións, boa mostra da falta de planificación e reveladora da fonda crise do PSOE no goberno local. Un goberno dividido que rematou co cese de competencias do anterior concelleiro de Centros socioculturais para, segundo o alcalde, centrarse nas Obras e na mesma mañá coñecerse a súa dimisión, saída do goberno e paso a concelleiro non adscrito. O peche da crise, para alén de ser en falso e non ir ao fondo dos problemas, provocou unha acumulación de competencias nunca vista e que é imposíbel que ofreza bos resultados para as numerosas necesidades de Santiago.

A falta de participación continuou durante 2022. Os consellos de participación cidadá non se reúnen. Temas tan importantes como a problemática dos comedores escolares, a necesaria revisión do mapa escolar e a pésima xestión das actividades de conciliación ou a inexistencia de extraescolares non conseguiron modificar a rixidez do concelleiro de Educación que se negou a convocar o Consello de participación correspondente e leva todo o seu mandato enfrontado ás ANPA e sen resolver os moitos problemas da comunidade educativa.

Bugallo dedicou a última parte deste ano a facer política de propaganda, percorrendo barrios e parroquias para prometer o xa prometido hai 4 anos e incumprido sistematicamente. “O exemplo máis paradigmático é o pacto polo rural, agora aprobado polo PSOE tras catro anos de inacción e onde nin sequera executaron os 840.000 euros de que dispoñían para obras de saneamento e abastecemento”, comentou Goretti Sanmartín.

É evidente que Santiago precisa ambición e liderado. Traballaremos arreo nos próximos meses para que, a partir do 28 de maio, abramos unha nova etapa cun novo goberno liderado polo BNG se contamos co apoio de todas as persoas que teñen o corazón en Compostela.

Goretti Sanmartín pide ao 2023 que Santiago saia do letargo en que a sumiu o PSOE.