COMERCIO

O BNG recibe queixas pola exclusión de comercios de artesanía no Mercado de Nadal

Mercado de Nadal
Mercado de Nadal

Aluden á falta de transparencia e de xustificación para duplicar quendas a algúns e non permitir participar outros que cumprían as bases da convocatoria

O BNG recibe queixas pola exclusión de comercios de artesanía no Mercado de Nadal

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022.- O BNG recibiu queixas pola adxudicación de negocios participantes no Mercado de Nadal da Carreira do Conde, que non facilitaron que repetisen os que funcionaron ben en edicións anteriores nin que se primase a venda de artesanía de Nadal a produtores locais.

O BNG considera que a oferta de postos que teñen o aval de Artesanía de Galicia, con produtores locais de Santiago de Compostela, deberan estar incluídos na programación e ter prioridade na exposición e venda deste mercado municipal. De feito, as bases da convocatoria recollen que a selección de quendas aplicará criterios do matiz artesanal e diferencial das coleccións, o feito de seren marcas con produción propia e realizada en Galiza e a localización xeográfica da razón social dos/as expositores, entre outros.

Porén, quedaron excluídas nesta edición numerosos produtores e comercios de artesanía que cumprían estas condicións, de xeito que quedaron sen oportunidade de mostrar alí o seu labor cando outras teñen presenza en dúas quendas. En total, presentáronse 112 solicitudes para as cinco quendas e algúns dos comercios repiten quenda pese a que foron moitos os que ficaron sen oportunidade de poñer o posto.

Neste sentido, as queixas recibidas apuntan á falta de transparencia e de xustificación do Goberno local á hora de adxudicar os postos e as quendas do Mercado de Nadal, para primar uns comercios sobre outros que cumprían as bases.

 

 

 

 

O BNG recibe queixas pola exclusión de comercios de artesanía no Mercado de Nadal