CONCELLO
Goretti Sanmartín anuncia o compromiso de elaborar os Orzamentos municipais con perspectiva de xénero para promover a igualdade
O Goberno local reforzará o servizo do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e activará o Consello Municipal das Mulleres para facilitar a participación do asociacionismo
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2023.- A alcaldesa Goretti Sanmartín participou na inauguración da xornada ‘Garantía Muller: prevención equitativa da violencia de xénero’ que se desenvolveu na Escola Galega de Administración Pública, onde anunciou o compromiso de elaborar os vindeiros Orzamentos municipais “con perspectiva de xénero” para promover a igualdade na prestación de servizos públicos.
Na súa intervención debullou as medidas que desenvolverá desde a Alcaldía de Santiago de Compostela “para que non haxa involución nos dereitos das mulleres e dos colectivos con máis dificultades, como son os das familias monoparentais”.
Así, destacou que incluirá nas subvencións e bonificacións propostas de mellora para familias monoparentais, ademais de reforzar o Centro de Información ás Mulleres (CIM) para incrementar o asesoramento e apoio que precisen desde o Concello de Santiago de Compostela.
Crearanse espazos para reflexionar e debater conxuntamente co asociacionismo, coa activación do Consello Municipal das Mulleres e do Consello de Participación das Mulleres Novas, “porque na prevención contra as violencias un dos aspectos máis importantes é traballar coa mocidade”. “Son dous foros que consideramos imprescindíbeis para estabelecer un marco estábel de traballo e de participación social relacionado con cuestións que se debateron nesta xornada da EGAP”, explicou.
Na sesión inaugural desta xornada, ademais da alcaldesa de Santiago de Compostela participaron Inmaculada Alonso Rodríguez, presidenta da Asociación de Familias Monomarentarias de Galicia (FAGAMOS), e Elvira Méndez Méndez, directora da Asociación Saúde e Familia.