ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “O BNG apoiará máis e mellor o asociacionismo do pequeno comercio para dinamizar a economía local”
Quere elaborar un catálogo de locais emblemáticos e de obradoiros de artesanía na Cidade Histórica co fin de manter a esencia deste patrimonio comercial
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro coa asociación de comerciantes de Compostela Monumental para presentar o programa sobre comercio e Cidade Histórica. Así, comprometeuse a apoiar “máis e mellor o asociacionismo comercial e fomentar o agrupamento comercial para dinamizar a economía local”.
Entre as medidas que cómpre adoptar para conseguir unha maior vitalidade e evitar os peches continuos de locais emblemáticos, destacou dar prioridade ao apoio ao pequeno comercio e ao comercio tradicional para mellorar a súa especialización e fomentar o agrupamento comercial. No encontro, estivo acompañada de Lois Calvelo, número 3 da candidatura.
Para iso, Goretti Sanmartín trasladou a iniciativa de elaborar “un plan para recuperar as rúas da Cidade Histórica con numerosos locais e edificios deshabitados mediante un viveiro de empresas que comece pola rehabilitación dos locais pechados, adquiridos polo Consorcio, coa dotación de licenzas e asesoramento de persoas que montan o seu primeiro emprego para diversificar o modelo de comercio”.
A candidata aposta por redefinir o papel do Consorcio “para destinar a maior parte dos seus medios á rehabilitación e posta en valor de edificios e espazos públicos cunha clara orientación de revitalización da zona histórica”.
O BNG quere elaborar un catálogo de locais emblemáticos e de obradoiros de artesanía na Cidade Histórica, co fin de manter a esencia deste patrimonio comercial. “Cómpre crear unha ordenanza de protección de estabelecementos comerciais e hostaleiros históricos”, explicou. Ademais, “é fundamental apoiar a continuidade dos comercios para evitar a morte por xubilación destes estabelecementos tradicionais”.
Tamén se fai necesario desenvolver un plan integral de comercialización que axude a contrarrestrar a turistificación excesiva do pequeno comercio da zona histórica. “Outra das medidas é impulsar un programa coa USC e asociacións de comerciantes para fomentar o consumo no pequeno comercio do estudantado universitario”, explicou.
Instalación de internet e limpeza, dúas prioridades
Xa no ámbito da dotación de servizos, Goretti Sanmartín comprometeuse a que a instalación de banda larga de internet sexa unha das prioridades “para pór en marcha xusto ao inicio do Goberno municipal”, pois considera que é “unha das necesidades básicas tanto para o desenvolvemento do comercio local como para fixar poboación residente na Cidade Histórica”. “Urxe aquilatar as medidas de protección coa necesidade de obter estándares de calidade habitacional propios do noso tempo”, sinalou a candidata do BNG.
Estima tamén imprescindíbel adecuar o servizo de recollida de lixo ás necesidades da Cidade Histórica e unha maior limpeza das rúas e prazas, ante as queixas recibidas das persoas residentes en Santiago de Compostela. Deste xeito, o BNG aposta polo coidado e mellora do aspecto das rúas e prazas, ademais de facer cumprir a ordenanza de recollida do lixo.