Goretti Sanmartín transmite a solidariedade do BNG á Plataforma de Familias con Diversidade Funcional ante a prohibición de convocar a súa concentración dos sábados para reclamar a apertura do CEGADI
Este centro rematouse en 2009 e permanece pechado, tan só cunhas oficinas administrativas habilitadas, pese á demanda de prazas
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, expresoulle a solidariedade do BNG á Plataforma de Familias con Diversidade Funcional de Santiago “ante a prohibición da Xunta electoral para facer a súa concentración habitual para reclamar a apertura do CEGADI”.
Segundo recordou Goretti Sanmartín, este centro rematado hai 10 anos permanece pechado cando é necesaria a dotación de prazas para atender as persoas con diversidade funcional. “A situación do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI) é unha mostra de desleixo no ámbito das políticas sociais por parte da Xunta de Galiza”, engadiu. Por iso o BNG trasladou diversas iniciativas ao Pleno do Concello de Santiago e ao Parlamento galego.
Este é un proxecto que se remonta a 2007, cando se conseguiron os terreos e se formalizou a construción dunha parcela de 8.700 m² cun orzamento inicial de 8,7 millóns de euros, aínda que finalmente se investiron 13 millóns de euros. Tratábase dun centro de vangarda, innovador e único no Estado para o tratamento integral das distintas discapacidades, rematado en 2009 e que permanece pechado, tan só cunhas oficinas administrativas habilitadas.
Deste xeito, o BNG acompañou esta reivindicación da Plataforma de Familias con Diversidade Funcional de Santiago que fixo convocatorias os sábados durante os últimos meses e que esta semana se verá interrompida “porque a Xunta Electoral non a autorizou con criterio que non compartimos ao tratarse dunha iniciativa social apartidaria que unicamente persegue lograr unha mellora nas dotacións públicas para familias con diversidade funcional”, explicou Goretti Sanmartín.