TURISMO
Goretti Sanmartín: “O BNG defende a taxa turística cun estudo detallado para sufragar os gastos de limpeza, xardíns, recuperación de edificios e patrimonio”
O anuncio da taxa turística por parte do alcalde é unha medida “improvisada e electoralista”
Santiago de Compostela, 26 de abril de 2023.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín sinala que o BNG está a favor da taxa turística, mais o importante é saber para que se van destinar eses ingresos, que entende que deben ser para mellorar os servizos básicos de limpeza, xardíns, rehabilitación de edificios e recuperación do patrimonio.
Trátase de que esa taxa sirva para contribuír a sufragar os gastos que ocasiona o turismo que, na actualidade, recaen nos impostos da veciñanza.
Goretti Sanmartín considera que o anuncio da taxa turística por parte do alcalde é, en realidade, unha medida electoralista que fai como candidato, posto que se negou a introducila hai catro anos e non aproveitou os dous anos xacobeos, coa chegada de milleiros de turistas, para conseguir eses fondos económicos.
O alcalde actúa “con escurantismo e total improvisación”, porque non facilitou os informes até agora e isto responde a que segue sen modelo e sen proxecto de cidade para Santiago de Compostela, porque pretende gobernar a golpe de ocorrencias.
Para facer unha proposta deste tipo, hai que ter un estudo pormenorizado do método e aplicación, que non sexa só cuantitativo, senón que teña en conta as asociacións de hostalaría e asociacións veciñais para ver en que termos se quere realizar.
“Desde o BNG consideramos que a taxa turística pode servir para lanzar unha mensaxe de sensibilización do concello que queremos, que o patrimonio sexa visto como algo que hai que coidar e protexer”, explicou.