MEMORIA HISTÓRICA
O BNG anuncia propostas destinadas á recuperación da memoria histórica na efeméride dos Mártires de Carral
“Retiraremos a simboloxía franquista que aínda permanece en Santiago de Compostela”, afirma Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2023.- A candidata Goretti Sanmartín anunciou, na efeméride da Revolución Galega de 1846 e dos Mártires de Carral, as medidas do BNG destinadas á recuperación da memoria histórica, co recoñecemento e difusión de persoas e acontecementos significativos en Santiago de Compostela.
“O candidato do PSOE di que cada un é dono dos seus silencios, xustificando calar determinada información e desde o BNG dicimos que os silencios son ocultación, engano, complicidade, desmemoria”, afirmou. “Podemos falar do que significan os silencios na violencia de xénero e tamén na memoria histórica”, engadiu Goretti Sanmartín.
Co BNG no goberno local celebrarase como merece o episodio da Revolución de 1846 onde se proclamaba a liberdade e a dignidade para Galiza e que tivo a finais de abril San Martiño Pinario como un dos escenarios principais, entre outros lugares de Santiago de Compostela. “Retiraremos a simboloxía franquista que aínda permanece na cidade, a comezar pola da praza da Quintana”, explicou.
Ademais, colocaranse as placas na que foi prisión de Santa Isabel e tamén na terminal do aeroporto, onde traballaron presos do campo de concentración.
“Poremos placa e rúa para lembrar Consuelo Otero Rial, veciña de Conxo asasinada no 1936, para desenvolver unha política de recuperación de memoria das mulleres cun programa específico desde o Concello”, sinalou entre as medidas do BNG. “En definitiva, desde o BNG apostamos por apoiarnos no pasado para coñecer a nosa historia mais para que iso sirva para impulsarnos e avanzar”, concluíu.