RESIDUOS
O BNG reclama unha investigación sobre a mestura de residuos procedentes de colectores de plástico, papel e restos
É unha mostra máis que evidente da necesidade de controlar as empresas concesionarias de servizos municipais, advirte Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladou á Xunta de Portavoces a petición dunha investigación sobre o contido das imaxes dun vídeo compartido nas redes sociais en que se ve como mesturan distintos tipos de residuos procedentes de colectores amarelos, verdes e azuis que acaban no mesmo camión de transporte.
“É necesario un cambio urxente na xestión municipal e un control da empresa concesionaria de residuos”, advirte Goretti Sanmartín. Logo de facer campañas de sensibilización para que a veciñanza deposite os residuos nos colectores correspondentes, resulta un fracaso por parte da empresa concesionaria que despois xunte papel, plástico e demais restos para o seu transporte.
Para o BNG, este vídeo gravado en Salgueiriños cos colectores portátiles que se instalan na Cidade histórica supón unha mostra máis que evidente da necesidade de controlar as empresas concesionarias de servizos municipais e, neste caso, a de recollida de residuos domésticos que vén de gañar un concurso adxudicado por 94,5 millóns de euros.
Este xeito de proceder é un engano tanto para a poboación como para propia xestión municipal, pois a empresa está a incumprir os parámetros da recollida selectiva de residuos e os principios fundamentais da reciclaxe que marca a normativa.