ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín: “O BNG reclama a instalación dunha placa en homenaxe aos Mártires de Carral que recorde a Revolución de 1846”
O BNG realizou un acto simbólico coa interpretación da proclama de Antolín Faraldo para a constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galiza
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2019.- O BNG organizou un acto simbólico coa interpretación da proclama de Antolín Faraldo para a constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galiza por parte do actor Lucho Penabade ao pé do Mosteiro de San Martiño Pinario, que serviu de refuxio ao pobo fronte ao exército español durante a Revolución Galega de 1846. A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, realizou un chamamento a reivindicar a memoria colectiva como pobo, “para o que é necesario recuperar aqueles episodios da nosa historia que se produciron para falar de sentimento galeguista”.
Antolín Faraldo pertence á primeira xeración de galeguistas que abrazaron a idea de concibir Galiza como un proxecto político e ese xermolo do que logo foi o Rexurdimento, as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista e o nacionalismo galego contemporáneo, explicou.
“É boa hora de recoñecer que Santiago de Compostela foi o escenario da Xunta Superior do Reino de Galiza, en que fan a proclama contra os impostos, a centralización e os abusos do poder”, sinalou a candidata. Por iso, o BNG reclama a instalación dunha placa en homenaxe aos Mártires de Carral que recorde eses acontecementos, que levou a Pleno hai dous anos, para que se faga esa xustiza coa memoria histórica que é un dos eixos vertebradores do BNG.
“Consideramos necesario reivindicar a importancia que tivo a Revolución de 1846 tamén en Santiago de Compostela para facer que se coñezan eses episodios históricos e o que significan e, a partir de aí, crear ese sentimento colectivo de pertenza a un pobo diferenciado que daquela loitaba con esa expresión do Provincialismo de que Galiza tiña que ser unha unidade enteira, mais que estaba a ser tratada como unha colonia pola Corte e que tiña que reivindicar outra maneira de ser tratada para non ser discriminada”, destacou.
Denuncia da Xunta Electoral
Ademais, aproveitou para denunciar en nome do Bloque Nacionalista Galego que a Xunta Electoral Provincial impedise realizar un acto de homenaxe aos Mártires de Carral este 27 de abril, no día de reflexión, que estaba organizado por unha plataforma apartidaria como Vía Galega integrada por máis de 50 entidades sociais, “que non poderá realizar este evento de memoria colectiva cun discurso histórico do significado dos Mártires de Carral e da Revolución Galega de 1846 cunha representación teatral sobre un texto de Manuel María”. “Parece que volvemos seguir en tempos de represión e silenciamento para non facer posíbel as ideas e esa liberdade de expresión que reivindicamos”, concluíu.