FEMINISMO

Goretti Sanmartín comprométese a aplicar políticas transversais para reducir a fenda de xénero

Acto "Rúas con nomes de mulleres"
Acto "Rúas con nomes de mulleres"

A candidatura do BNG exhibiu, nun acto simbólico, as placas das rúas con nomes de mulleres pendentes de instalar

Goretti Sanmartín comprométese a aplicar políticas transversais para reducir a fenda de xénero

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023.- O BNG organizou o acto "Rúas con nomes de mulleres" na praza da Ponte de Sar, para a que reivindica o nome de “Praza de Luz Fandiño”, tal como aprobou a Corporación sen que aínda se fixese efectivo. No evento -que contou con música de Aldara e Manu e a interpretación de poemas de Luz Fandiño- Goretti Sanmartín indicou que “a partir do 28M chegará a feminización dos nomes de rúas, espazos e edificios públicos en Santiago de Compostela” e comprometeuse a aplicar políticas tendentes a reducir a fenda de xénero para impulsar en todas ás áreas de goberno de xeito transversal.

Santiago ten arredor do 6% de nomes de mulleres nas rúas e prazas de Santiago de Compostela, unha porcentaxe que cualificou de “insignificante”. “Ou ben se fai unha política de discriminación positiva para corrixir esta situación ou nunca imos chegar a ter unha representación digna para que as mulleres aparezan máis”, reclamou a candidata á Alcaldía.

Lembrou que o BNG conseguiu as denominacións das prazas Begoña Caamaño e Exeria e das rúas Concha Castroviejo e María Tobío, “mais nesta última nin sequera houbo un acto oficial nin se convidou á familia e amizades”. Tamén reclamou unha información mediante paneis ou códigos QR nestes emprazamentos para dar a coñecer a traxectoria e o que representan estas mulleres.

No acto, a candidatura do BNG exhibiu simbolicamente as placas das rúas da sindicalista Rosa Bassave, da actriz Pilar Pereira, da sindicalista asasinada en 1936 Consuelo Otero Rial, de Pepa Noia e as Nais da Praza de Maio, da directora teatral exiliada Amparo Alvajar, da xornalista Mari Luz Morales, da vítima de violencia de xénero Elena Mihaela Marcu e da poeta Luz Fandiño, que foron aprobadas e seguen sen se facer efectivas. Ao evento asistiron familiares e amizades destas persoas, que apoian esta iniciativa para o seu recoñecemento público.

“No BNG temos un equipo preparado para gobernar, para que Santiago cambie”

Ademais, Goretti Sanmartín avanzou un paquete de medidas de acción feminista incluídas no programa de goberno do BNG como a posta en marcha do Consello municipal das mulleres, con representación do tecido asociativo e política; un Consello de mulleres novas, os orzamentos con perspectiva de xénero e a dedicación do 1% para a prevención e loita contra a violencia de xénero, ademais do reforzo do Centro de Información das Mulleres (CIM), xunto coa transversalidade das políticas feministas en todas as áreas de goberno, para acabar coa fenda de xénero e conseguir pór en marcha medidas de conciliación efectivas.

“A veciñanza de Santiago de Compostela está farta da inacción e desde o BNG pedimos a oportunidade para demostrar que se poden facer as cousas doutra maneira, con ilusión e con ganas; temos un equipo da candidatura preparado para gobernar para que esta cidade cambie e consiga a feminización dos espazos públicos e das políticas con perspectiva de xénero de xeito transversal”, afirmou.

Ademais, convidou a asistir a un acto sobre “Urbanismo feminista” coa arquitecta Cristina Botana previsto para o vindeiro mércores 3 de maio ás 19:30 na Casa das Mulleres Xohana Torres, que está organizado pola Comisión das mulleres do BNG.

 

 

 

 

Goretti Sanmartín comprométese a aplicar políticas transversais para reducir a fenda de xénero