PATRIMONIO

Goretti Sanmartín propón un decálogo de medidas para a recuperación da Cidade histórica

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
As propostas do BNG están orientadas para as persoas que viven e traballan en Santiago de Compostela, coa dotación de servizos e cun plan para rehabilitar locais pechados e convertelos nun viveiro de empresas
Goretti Sanmartín propón un decálogo de medidas para a recuperación da Cidade histórica

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2023.- A candidata Goretti Sanmartín avanzou as medidas que porá en marcha co BNG no Goberno local para revitalizar a cidade histórica con iniciativas pensadas, prioritariamente, para as persoas que viven e traballan en Santiago de Compostela, coa dotación de servizos e garantía dunhas boas condicións dos edificios. Propón un decálogo de medidas para desenvolver, que comezan coa recuperación da Oficina de Rehabilitación e da Concellaría de Cidade histórica “porque, desde que se eliminaron, este espazo vai en declive”.

“É imprescindíbel que as persoas que habitan na zona vella teñan servizos que faciliten unha vida digna, respectuosa co patrimonio, mais tamén coa actualización precisa para gozar das comodidades propias do século XXI”, explicou a candidata.

Cómpre redefinir o papel do Consorcio “conseguindo un incremento de fondos mais tamén destinando a maior parte dos seus medios á rehabilitación e posta en valor de edificios e espazos públicos para dotar de máis recursos económicos e axudas con maior grao de incidencia, que inclúan proxecto e asesoramento as liñas para rehabilitar e insonorizar edificios, así como potenciar a eficiencia enerxética”.

Para o BNG é fundamental blindar comercios emblemáticos ou que presten servizos básicos e traballar pola súa continuidade, ademais de declarar a zona histórica saturada de comercios de souvenirs.

Outra das propostas é a creación dun plan para ter un viveiro de empresas tras rehabilitar locais pechados, dotación de licenzas e asesoramento a persoas que montan o seu primeiro negocio para poñelos á súa disposición a prezos razoábeis.

Ademais, inclúe a disposición de prazas de parada para residentes na contorna da zona histórica, ordenando, por exemplo, a praza Rodrigo de Padrón.

Outro dos puntos do decálogo é chegar a acordos de uso en espazos de entidades privadas infrautilizados ou abandonados, ademais de realizar un convenio coa Igrexa para poder dispor de determinados edificios con fins sociais, como un centro de día, ou culturais e para que outros permanezan abertos.

Tamén cómpre modificar o Plan especial co obxecto de estudar a posibilidade de flexibilizar algunhas normas que dificultan que determinados pisos se vendan ou aluguen para residir. “Foi algo que ficou sen facer na etapa do goberno anterior e sobre o que este non avanzou ningún paso”, indicou.

Ademais, Goretti Sanmartín aposta en traer equipamentos que dean vida á propia cidade histórica ou á contorna, como a Escola Oficial de Idiomas no espazo de Enfermaría e Ciencias de Educación en Xoán XXIII.

“No ADN do BNG está, alí onde goberna, facer da cidade histórica, o corazón das políticas, un corazón vivo, que latexe con forza”, afirmou a candidata do BNG.

 

 

 

Goretti Sanmartín propón un decálogo de medidas para a recuperación da Cidade histórica