DANZA

Goretti Sanmartín: “O Conservatorio de Danza será unha realidade a partir do 28M co BNG na Alcaldía e cando Ana Pontón chegue á Presidencia da Xunta de Galiza”

Acto do BNG do Día da Danza
Acto do BNG do Día da Danza

“O PP leva 14 anos co freo de man posto para o desenvolvemento da danza en Galiza”, afirma a deputada do BNG Mercedes Queixas

Goretti Sanmartín: “O Conservatorio de Danza será unha realidade a partir do 28M co BNG na Alcaldía e cando Ana Pontón chegue á Presidencia da Xunta de Galiza”

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2023.- O BNG, para a celebración do Día da Danza, organizou un acto coa interpretación de “Coragem” a cargo de Daniel Lezso, “para traer a cultura ás prazas e facer que a cultura ao vivo estea presente en Santiago de Compostela”. Goretti Sanmartín e a deputada Mercedes Queixas aproveitaron esta ocasión para continuar a afirmar o compromiso do BNG co Conservatorio Profesional de Danza desde o ámbitos local e nacional “que será unha realidade a partir do 28M co BNG na Alcaldía e cando Ana Pontón chegue á Presidencia da Xunta de Galiza”, afirmou a candidata. No evento tamén participaron Concha de la Fuente e Fernando Lacaci, da candidatura do BNG.

Goretti Sanmartín propón que o Conservatorio de Danza se sitúe na parcela á beira do Conservatorio de Música para crear sinerxías entre os dous centros. “Dicimos que só será posíbel co BNG no Goberno porque até o de agora o candidato do PP e o PP non fixeron máis que enganar e perderon toda a credibilidade”, sinalou, “pasaron de non aprobar as iniciativas do BNG no Concello e no Parlamento a apoialo en campaña e, onte mesmo, a rexeitar un compromiso para que a Xunta o realice ao requirir informes e estudos”. Así, lembrou que Borja Verea votou en contra dunha emenda aos Orzamentos da Xunta presentada polo BNG para realizar o Conservatorio de Danza.

“Sabemos que o PP non apoia o Conservatorio de Danza, porque o candidato Borja Verea perdeu toda a credibilidade e está enganando a poboación de Santiago”, advertiu. “De non ser así, ten unha solución fácil: que diga cal vai ser o orzamento, cando vai comezar e cal vai ser o prazo para que ese Conservatorio de Danza sexa unha realidade”, engadiu.

Ademais, explicou que a Plataforma polo Conservatorio de Danza recolleu 5.000 sinaturas, porque existe demanda para que sexa un centro de referencia para Santiago e para a súa comarca.

Garantir o dereito de acceso aos estudos de danza

Pola súa parte, Mercedes Queixas sinalou que “o PP leva 14 anos co freo de man posto para o desenvolvemento da danza en Galiza”, en relación á necesidade de garantir o dereito de acceso aos estudos de danza e de impulsar o desenvolvemento da carreira profesional de danza.

Así, referiuse ao desmantelamento do Centro Coreográfico Galego, “porque está asfixiado a nivel de recursos económicos e humanos”; ao rexeitamento do propio sector que participou na elaboración do Plan integral de danza porque non recolle as súas necesidades; e á ausencia de compromiso do PP co Conservatorio Profesional de Danza, cando hai demanda de matrícula en Compostela posto que só hai un centro en Lugo para todo o país que non permite que a poboación galega do centro e do sul poida recibir formación profesional de danza.

“Non hai vontade ningunha por parte do PP de que haxa Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela e no BNG seguiremos, desde o Parlamento e desde o Concello, insistindo en que sexa unha realidade”, indicou, “e só hai unha opción para conseguilo: que a compañeira Goretti Sanmartín sexa alcaldesa de Santiago de Compostela a partir do 28 de maio”, indicou a deputada.

Goretti Sanmartín: “O Conservatorio de Danza será unha realidade a partir do 28M co BNG na Alcaldía e cando Ana Pontón chegue á Presidencia da Xunta de Galiza”