ECONOMÍA

Goretti Sanmartín comprométese a axilizar os trámites municipais para abrir e apoiar o tecido empresarial

Encontro no Club Financeiro
Encontro no Club Financeiro

Destaca a innovación, modernización e especialización, ligadas á USC, como factores claves para o futuro de Compostela

Goretti Sanmartín comprométese a axilizar os trámites municipais para abrir e apoiar o tecido empresarial

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023.- A candidata Goretti Sanmartín, acompañada de Xesús Domínguez, mantivo un encontro no Club Financeiro con empresariado compostelán para contrastar propostas que desenvolverá a partir do 28M co BNG no Goberno local e comprometeuse a axilizar os trámites municipais para abrir e apoiar o tecido industrial. Na xuntanza estiveron Gerardo García Alvela, José Martínez Tojo, Iván Vicente García, Alfredo González, María Lobelle, Ana Suárez, Gloria Zúñiga, Rosa Blanca Rodríguez e Roberto Pereira.

O BNG concorre ás próximas eleccións municipais co convencemento de que Santiago merece máis do que tivo durante estes últimos 12 anos e que é a mellor alternativa para levar adiante esa mudanza. Esta asunción de responsabilidades de goberno dirixirá os maiores esforzos ás políticas que garantan o benestar e a calidade de vida da veciñanza compostelá, aspectos que son imposíbeis de alcanzar sen que a poboación economicamente activa teña un traballo digno.

Desta maneira, desde o goberno municipal promoveranse medidas xeradoras de emprego, favorecendo aqueles segmentos sociais, onde o desemprego bate con maior forza, como pode ser a mocidade e traballarase tamén en eliminar a fenda de xénero que se evidencia na maioría dos sectores económicos, indicou.

A estrutura produtiva de Santiago de Compostela leva a que desde o BNG vaian ser promovidas políticas de diversificación económica, centrando a atención no puxante sector industrial, que xa conta con ámbitos especializados, salientando o da madeira e o da biotecnoloxía. Potenciando oficios tradicionais con boas expectativas de futuro, como o da ourivaría e procurando novos nichos de emprego ligados á economía circular, ás políticas de coidados e conciliación ou a apostas innovadoras como a creación dunha planta de compostaxe.

Estas medidas de política industrial deben aproveitar as infraestruturas e a colaboración coa Universidade, a través da aposta pola investigación e a innovación, co obxectivo de que non fuxa talento e de potenciar polo retorno da mocidade emigrada. “Termos unha universidade empeñada en promover a investigación e en obter financiamento para proxectos vangardistas é un activo co que cómpre traballar de maneira coordinada”, indicou.

As industrias ligadas á investigación universitaria, coa escolla dos sectores agroalimentario, biotecnolóxíco, dos avances médicos e madeireiro, acompañada do fomento das industrias innovadoras, novos mercados e produtos de especial atractivo na actualidade, serán determinantes neste ámbito. Tanto os polígonos industriais como o impulso do emprendemento xogarán un papel destacado nestas medidas de apoio á industria.

Innovación, modernización e especialización

Neste sentido, axilizarase a burocracia administrativa municipal, coa creación dun portelo único e preferente para as empresas que queiran instalarse no noso territorio. Crearase unha oficina de captación de fondos europeos, que atraia novos investimentos e posibilidades de xerar emprego diversificado.

Os polígonos deberían ser a sede industrial e non de empresas comerciais que detraen veciños e veciñas do centro e rebaixan as expectativas do noso histórico comercio local. Son necesarios novos polígonos que ofrezan máis posibilidades para a instalación de industrias no noso territorio, ao ter practicamente esgotada a capacidade do polígono industrial do Tambre, inaugurado en 1975, e dos parques empresariais da Costa Vella e Boisaca.

Para todas as actividades económicas, o BNG defende a innovación, modernización e especialización xunto coas boas prácticas en materia social e igualdade para xerar maior confianza e exhibirse como exemplo do bo saber facer.

No encontro comprometeuse a mellorar a mobilidade nos accesos aos polígonos industriais, con transporte público con frecuencias adecuadas desde a estación intermodal, con maquesiñas de maiores dimensións e ben localizadas en distintos puntos das áreas empresariais e beirarrúas amplas para poder desprazarse a pé.

Fomento de actividade cultural e deportiva en Santiago

Coa intención de promover o movemento nas rúas durante todo o ano, desenvolveranse actividades culturais e de lecer orientadas á mocidade, á terceira idade e a público familiar, coa aposta por eventos deportivos que atraian poboación foránea nas fines de semana e feriados e potencien a referencia de Santiago como lugar de encontro e socialización.

Goretti Sanmartín comprométese a axilizar os trámites municipais para abrir e apoiar o tecido empresarial