SEN FOGAR

Goretti Sanmartín: “O Concello debe habilitar un espazo público para as persoas sen fogar como acordou o Consello de Saúde”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Cuestiona que o alcalde “enfronte política social e laboral ao querer desviar eses fondos a un proxecto no Polígono do Tambre”

Goretti Sanmartín: “O Concello debe habilitar un espazo público para as persoas sen fogar como acordou o Consello de Saúde”

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, considera que “é necesario que o Concello habilite un espazo público para as persoas sen fogar como acordou o Consello de Saúde” e cuestionou que o alcalde “enfronte política social e de emprego ao querer desviar eses fondos a un proxecto no Polígono do Tambre”, polo que propón “buscar outros recursos económicos específicos para a creación dese centro de inserción laboral”. “Non vale unha cousa ou a outra, son dúas necesidades diferentes e o Goberno local do PSOE non pode renunciar a destinar recursos para solucionar o problema actual das persoas sen teito”, engadiu.

“O BNG ten dúbidas de se o espazo máis acaído para as persoas sen fogar é o de Belvís”, explicou, “mais o que é indiscutíbel é que hai que tratar o problema da pobreza”. Nese sentido, sinalou que o cambio de uso do edificio do Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) situado en Belvís proposto por Compostela Aberta para acoller as persoas sen fogar pode que non resulte o máis adecuado polas características do inmóbel, que non foi deseñado con ese cometido.

Para o BNG, é necesario que Santiago de Compostela habilite un espazo público para as persoas sen fogar, que non poden depender en exclusiva de centros de carácter relixioso que se financian con axuda de diñeiro público. “Cómpre mudar o modelo e a normativa para que as persoas sen fogar teñan un espazo e programas específicos para atender as súas necesidades de integración social e laboral”, explicou.

Goretti Sanmartín lembrou tamén que no Consello de Saúde se aprobara  por unanimidade a iniciativa de crear un Centro de atención integral para as persoas sen fogar, aínda que o novo goberno de Bugallo vai en contra desta decisión.

Goretti Sanmartín: “O Concello debe habilitar un espazo público para as persoas sen fogar como acordou o Consello de Saúde”