PLENO
Goretti Sanmartín propón no Pleno a creación da Comisión especial da memoria histórica
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, anunciou que defenderá no Pleno a creación da Comisión especial de memoria histórica, ademais de erguer o monumento de homenaxe ao alcalde Ánxel Casal, asasinado en 1936 polas súas ideas, coa inscrición dos nomes das persoas executadas ou presas durante o franquismo.
Reclamará tamén que o Concello de Santiago proceda a xestionar a retirada da simboloxía de enxalzamento franquista que aínda permanece na cidade, pese á iniciativa aprobada en Pleno en 2017 para cumprir a Lei de Memoria histórica, e que inste a instalar unha placa na nova terminal do aeroporto en lembranza das persoas estiveron no campo de concentración da Lavacolla e que colaboraron na construción do aeródromo.
Segundo explicou, esta Comisión especial de memoria histórica debe contar con presenza de representantes dos grupos políticos, de especialistas da Universidade, de representantes do asociacionismo veciñal e de colectivos de recuperación da memoria histórica. “Debe servir para trazar as liñas dunha política que permita coñecer a memoria histórica e superar as fendas que se produciron despois de 1936 e que faga que a poboación de Santiago coñeza esas 226 veciñas e veciños que sufriron algún tipo de represión segundo recolle o traballo de Nomes e Voces de investigación da USC”, sinalou. “Entendemos que se debe facer unha política de recoñecemento das vítimas para que se aplique esa xustiza e reparación mais tamén pescudar na investigación dos represores”, explicou Goretti Sanmartín.
Ademais, esta comisión deberían facer efectivas as iniciativas aprobadas en Pleno que non se realizaron, como o monumento a Ánxel Casal. “Que na propia cidade onde foi alcalde non haxa un monumento para lembralo é difícil de dixerir a estas alturas e, sobre todo, cando xa foi aprobado pola Corporación”, explicou na rolda de prensa. “Ese monumento entendemos que tamén debería de servir para homenaxear a todas as vítimas cos nomes desas persoas que foron executadas ou que estiveron presas durante o franquismo”, engadiu. Reclamou, ademais, nomear unha rúa co nome de Consuelo Otero Rial, unha compostelá paseada en 1936, para proseguir a acrecentar o rueiro con nomes de mulleres que merecen ser lembradas.