ELECCIÓNS

Goretti Sanmartín considera clave abrir canles de diálogo coa veciñanza durante a elaboración dos proxectos de urbanización

Mantivo un encontro coa asociación “A Xuntanza”, que está desconforme co proxecto para os Concheiros orientado a favorecer a entrada de peregrinos e que pode afondar na desvertebración do barrio

Goretti Sanmartín considera clave abrir canles de diálogo coa veciñanza durante a elaboración dos proxectos de urbanización

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2019.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro coa directiva da asociación veciñal de San Pedro “A Xuntanza, onde se comprometeu a facer o posíbel para conseguir melloras no proxecto de remodelación dos Concheiros, que consideran que afondará na desvertebración do barrio, segundo explicaron. Para o BNG, é clave estabelecer canles de diálogo coa veciñanza durante a elaboración dos proxectos de reurbanización porque son quen mellor coñece as necesidades do lugar.

No encontro, ademais de Goretti Sanmartín estiveron Rubén Cela, Navia Rivas e Sabela Mouriz. A directiva da asociación veciñal manifestou as queixas por actuacións públicas que inciden na desestruturación do barrio porque provocan a perda de comercio tradicional e van en detrimento da veciñanza e a favor da configuración dunha cidade para turistas. Deste xeito, expresaron unha preocupación especial polo proxecto de reurbanización dos Concheiros, para favorecer a principal entrada de peregrinos do Camiño Francés. Esta obra conta 2,5 millóns de euros de investimento da Xunta, coa aprobación e seguimento por parte do Concello, cunha orientación que non comparten “polo que pode supor de acentuación do proceso de perda de identidade, desvertebración do barrio e problemas de aparcamento, entre outros”.

O prazo de execución da obra será dun ano de duración e está previsto que comece despois do verán, coa pretensión de reurbanizar a rúa que reducirá prazas de aparcadoiro para vehículos e o ancho de calzada, ademais de eliminar a rotonda actual e facer unha nova glorieta na avenida de Lugo para dar acceso ás Fontiñas e aos Concheiros, xunto coa remodelación da rotonda situada onda o Conservatorio.

O BNG comprometeuse a facer o posíbel para conseguir melloras no proxecto e haberá unha reunión específica para tratar a situación creada. Estes problemas veciñais e de mobilidade afectan tamén ao barrio das Fontiñas e o BNG entende que non se deu a participación nin o diálogo precisos para consensuar proxectos de tal envergadura, explicou Goretti Sanmartín.

Outro dos puntos que trataron foi o malestar veciñal polo funcionamento da recollida do lixo, un tema que o BNG xa trasladou a Pleno en diversas ocasións e que xorde en todas as reunións da rolda de contactos con asociacións veciñais.

Goretti Sanmartín considera clave abrir canles de diálogo coa veciñanza durante a elaboración dos proxectos de urbanización