ELECCIÓNS
Goretti Sanmartín promoverá a creación do Congreso Internacional de Escritoras "De Rosalía a Begoña Caamaño"
O BNG aposta por unha "Compostela de Rosalía" á maneira do Dublín de Joyce ou da Lisboa de Pessoa
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2019.- Un congreso internacional que congregue en Santiago de Compostela as mulleres máis destacadas da literatura de todo o mundo é un dos puntos que o BNG achega no seu programa para converter o concello en referencia cultural e de igualdade. Goretti Sanmartín aposta por Santiago de Compostela de Rosalía á maneira do Dublín de Joyce ou da Lisboa de Pessoa.
Aproveitar a condición de Santiago de Compostela dunha capital mundial da cultura é un dos obxectivos do programa co que o BNG se presenta ás vindeiras eleccións municipais e, neste sentido, un dos puntos da área de cultura prevé a realización dun congreso mundial de mulleres escritoras para o que xa apuntan o nome, o de Begoña Caamaño, veciña da cidade durante boa parte da súa vida.
"Queremos que Santiago sexa referencia de cultura e igualdade e, neste sentido, apostamos por acoller un gran foro de debate ao que asistan mulleres escritoras de todo o mundo coa idea de debater e avanzar coa participación dalgúns dos máis interesantes nomes da literatura feita por mulleres", destaca a candidata do BNG, Goretti Sanmartín Rei.
Ao seu ver, ese encontro entre igualdade e cultura ten que ser unha das marcas da nova etapa do concello e, neste sentido, apostan por "un concello que estea na vangarda de políticas de igualdade e cultura, que se teña que mirar para nós e se sitúe no mapa do feminismo e a cultura mundiais".
Arredor do nome do congreso, Goretti Sanmartín aposta por "incluír dous nomes centrais da nosa literatura que son tamén escritoras que reivindicaron os dereitos das mulleres e tamén das propias autoras por iso ese elo de conexión parécenos especialmente feliz". Rosalía de Castro, segundo di, "é a escritora feminista pioneira, que está na orixe de tantas cousas na defensa dos nosos dereitos como mulleres e como país" e, por outra parte, Begoña Caamaño -que viviu boa parte da súa vida en Santiago- significa "a literatura comprometida co feminismo, a escritora que é quen de darlle a volta aos mitos e facer unha revisión actualizada, desde uns lentes violetas, da literatura clásica".
Dublín de Joyce, Pessoa de Lisboa e... Santiago de Rosalía
"Unha cidade que viu nacer a Rosalía de Castro, que converteu a nosa literatura contemporánea na única fundada por unha muller, ten que facer gala da súa condición e un congreso internacional supón, ao noso ver, afondar nesa natureza literaria e cultural da cidade, feminista, de vangarda, universitaria e de cultura".
A iniciativa, como lembra Goretti Sanmartín, súmase a outros proxectos que o BNG recolle no seu programa como o ambicioso programa "Memoria de Mulleres" que supón unha iniciativa ampla e integral de recuperación da memoria das mulleres, con tres grandes eixos, un dedicado á investigación, outro á difusión e, finalmente, outro á recoñecemento.
Ademais, o BNG incorpora tamén a idea de promover a Ruta Rosalía de Castro coa sinalización dos espazos relacionados coa escritora na cidade e coa difusión da relevancia da autora de Follas Novas e Cantares Gallegos para os milleiros de visitantes que cada ano se achegan a Santiago de Compostela.
"Temos a potencialidade de que Santiago de Compostela se converta en cidade literaria, en potencia do turismo e as ideas arredor da literatura. Queremos que Santiago de Compostela de Rosalía de Castro se sitúe á beira do modelo do Dublín de Joyce ou da Lisboa de Pessoa, unha condición que explotará a promoción non só da escritora e a cidade senón tamén da nosa cultura", defende a candidata do BNG á Alcaldía de Santiago de Compostela.
"A súa condición de cidade turística que cada ano visitan milleiros de persoas fai que Santiago sexa un foco de irradiación que se pode aproveitar para difundir a nosa cultura polo mundo; temos ademais a fortuna de que a cidade foi o berce de Rosalía de Castro e iso é un tesouro que aínda está sen aproveitar", sinala Goretti Sanmartín.