PLENO

Goretti Sanmartín comprométese a realizar xestións para a construción e dotación dos centros de saúde pendentes en Santiago

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Traslada unha moción de urxencia ao Pleno para apoiar as demandas do persoal de atención primaria de Sanidade que secundará a folga do 9 ao 12 de abril

Goretti Sanmartín comprométese a realizar xestións para a construción e dotación dos centros de saúde pendentes en Santiago

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2019.- Goretti Sanmartín, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, sinala que o BNG se compromete no vindeiro mandato a realizar xestións para a construción e dotación dos centros de saúde pendentes en Santiago de Compostela, de cara a desconxestionar a situación de atención primaria. O BNG apoia as demandas do persoal da sanidade que secundará a folga convocada do 9 ao 12 de abril para mellorar a atención primaria e traslada unha moción de urxencia ao Pleno para solidarizarse coas súas reivindicacións.

A candidata Goretti Sanmartín lembra a falta de compromiso da Xunta para a construción do centro de saúde de Conxo e para a mellora da mobilidade e dotación de prazas de aparcadoiro no CHUS.

Entre outras medidas do programa de Sanidade do BNG está a mellora do transporte público ao CHUS e, “na liña de facilitar o aparcamento de vehículos privados, propiciaremos o aproveitamento do aparcamento público de Santa Marta para o acceso ao Complexo Hospitalario”, explicou. Ademais, prevé renegociar os prezos do parking privado do Hospital Clínico e esixirlle á Xunta a construción dun aparcadoiro público no CHUS para facilitar a mobilidade de milleiros de persoas que acoden alí a diario.

Apoio á folga

O BNG comparte as reivindicacións da folga diante da situación de precariedade que padece a atención primaria. Así, o persoal sanitario solicita que se abra un marco de negociación coa Administración para conseguir unha organización propia que poida xestionar o orzamento e os recursos humanos necesarios para facer o seu traballo en condicións de dignidade, tanto para pacientes como para profesionais, encamiñado a conseguir un novo acordo que atenda a todas as categorías.

Reclaman o aumento progresivo do orzamento para a atención primaria, co obxectivo de acadar en 4 anos o 25% do orzamento total da sanidade pública (excluído o gasto farmacéutico) e as modificacións das actuais EOXIs para crear unha Xerencia de Atención Primaria con capacidade de xestionar orzamento e recursos humanos propios, en pé de igualdade coa Atención Hospitalaria, para recuperar as áreas sanitarias suprimidas.

En canto ao aumento de persoal, cómpre a convocatoria inmediata das prazas necesarias en todas as categorías, co obxectivo de diminuír as ratios actuais de pacientes por profesional. Con isto queren poñer fin á política de precariedade laboral de persoal, imprescindible para garantir a calidade da asistencia. Ademais, defenden solucionar o actual conflito dos PACs, garantindo unha prestación asistencial segura e de calidade tanto para pacientes como para profesionais, apoiando as reivindicacións recollidas na súa convocatoria de folga.

Goretti Sanmartín comprométese a realizar xestións para a construción e dotación dos centros de saúde pendentes en Santiago