PLENO

Goretti Sanmartín considera “imprescindíbel” convocar de inmediato os consellos de participación de Saúde e de Educación

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Transcorreu un ano deste mandato municipal e aínda non se reuniron, pese ás necesidades de colaboración motivadas pola pandemia da covid-19
Goretti Sanmartín considera “imprescindíbel” convocar de inmediato os consellos de participación de Saúde e de Educación

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2020.- O grupo municipal do BNG formulará unha pregunta ao Goberno local para saber cando ten previsto convocar os consellos de participación, a comezar polos de Saúde e de Educación. Para Goretti Sanmartín, urxe a convocatoria destes consellos de participación cidadá “porque son imprescindíbeis para contar coa colaboración especializada en tempos da pandemia da covid-19 e para resolver os problemas existentes no ámbito do ensino”.

O Concello de Santiago de Compostela ten pendente a convocatoria dos consellos de participación cidadá que aínda non se reuniron no que vai de mandato municipal. En novembro de 2019, o BNG xa trasladara ao Pleno esta petición para que se convocasen, antes de final dese ano, a comezar polos Saúde e Educación, para implicar a veciñanza e colectivos nas decisións e nos criterios de actuación nos ámbitos de referencia para Santiago de Compostela. Logo desta petición, o Goberno local comprometérase a convocalos no primeiro cuadrimestre de 2020, mais transcorreu un ano desde o inicio deste mandato e aínda non están en funcionamento.

Estes consellos de participación configúranse como órganos permanentes de asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate, ademais de contribuír a facilitar o seguimento da actividade sectorial de cada ámbito municipal.

Para o BNG, é necesario convocar de inmediato o Consello de Saúde para ofrecer asesoramento no tema da pandemia e tamén o Consello de Educación, cando está en xogo a organización de comedores escolares, actividades de conciliación e extraescolares, ademais da propia planificación do vindeiro curso escolar.

Deste xeito, o BNG preguntaralle no Pleno ao Goberno local que previsións manexan para a súa convocatoria, posto que son mecanismos para favorecer a participación e transparencia no asesoramento e toma de decisións.

Goretti Sanmartín considera “imprescindíbel” convocar de inmediato os consellos de participación de Saúde e de Educación