VIVENDA
O BNG demanda un compromiso por escrito para a construción de vivenda de protección pública en Xoán XXIII

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2020.- O grupo municipal do BNG, logo do protocolo de colaboración asinado entre o alcalde e a conselleira de Vivenda en funcións para acondicionar como zona verde a parcela de Xoán XXIII, demanda un compromiso por escrito para que se inclúa nos Orzamentos da Xunta de 2021 unha partida para emprender o proxecto de construción de vivendas de protección destinadas a alugueiro.
Segundo o protocolo asinado, a Xunta encargarase de acondicionar esta parcela de 1.700 metros cadrados, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo, mentres que o Concello de Santiago realizará o mantemento da nova zona axardinada.
Para Goretti Sanmartín, “o acondicionamento desta parcela como zona verde non pode ser unha solución definitiva nun contexto de crise en que se incrementa a demanda de vivenda de alugueiro para persoas con escasos recursos económicos” e, por estes motivos, “sería unha irresponsabilidade abandonar este proxecto coa complicidade do alcalde, como xa fixo o PP durante os últimos 11 anos no Goberno da Xunta”.
Deste xeito, o BNG insta o alcalde a negociar coa Xunta un prazo concreto para iniciar a construción de vivenda protexida na parcela de Xoán XXIII co obxectivo de contribuír a aliviar a situación económica das persoas que precisan casa en Santiago de Compostela e, especialmente, no ámbito da mocidade que está a ser expulsada da cidade polos altos prezos. “Estráñanos que isto non sexa prioridade para o alcalde de Santiago e prefira converter este espazo en zona verde co risco de que logo non se retome o proxecto de creación de residencia protexida tan necesario nestes momentos”, concluíu Goretti Sanmartín.