PLENO

Goretti Sanmartín defende o diálogo previo cos clubs sobre a reforma do complexo deportivo Santa Isabel e a busca de espazos alternativos para manter a actividade

José Rioseco e Goretti Sanmartín
José Rioseco e Goretti Sanmartín

Mantivo un encontro con José Rioseco, presidente do club de natación “Ciudad de Santiago”

Goretti Sanmartín defende o diálogo previo cos clubs sobre a reforma do complexo deportivo Santa Isabel e a busca de espazos alternativos para manter a actividade

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2023.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro con José Rioseco, presidente, director técnico e adestrador do club de natación “Ciudad de Santiago” ao fío das obras que se van realizar no complexo deportivo Santa Isabel, co fin de procurar equipamentos alternativos para proseguir a actividade no período de duración da reforma prevista.

Deste xeito, Goretti Sanmartín anunciou que trasladará unha iniciativa ao Pleno de febreiro para realizar “unha planificación exhaustiva para acurtar os tempos de execución do proxecto de reforma do complexo deportivo de Santa Isabel, co fin de evitar demoras innecesarias e estudar as posíbeis compatibilidades das obras coas actividades habituais”.

A portavoz municipal coincide en que é fundamental “buscar o máis axiña posíbel espazos alternativos e ampliación de horarios noutras piscinas e equipamentos” en colaboración coa USC, entidades privadas e outros concellos da contorna, que lles dean servizo aos clubs e ás persoas usuarias co obxectivo de que non interrompan a súa actividade cotiá nese período mentres duren as obras da reforma. Na piscina do complexo deportivo Santa Isabel adestran na actualidade clubs de wáter-polo, natación e dous de tríatlon, ademais doutras especialidades.

“Desde o BNG estimamos que esta intervención vai ser positiva para os clubs deportivos que adestran nestas instalacións e tamén para as persoas usuarias que practican natación e outros deportes”, indicou, “mais hai que facelo con diálogo e consenso previo cos clubs”.

“Este goberno socialista carece dunha planificación e a estas alturas xa tería que ter os espazos alternativos e unha folla de ruta sobre as obras”, engadiu. “Seguen improvisando e non poden agardar practicamente ao comezo das obras a falar cos clubs”, explicou.

A actuación vaise realizar a través dos fondos europeos Next Generation EU e conta cun investimento de 2.975.903 euros e esta reforma permitirá mellorar a eficiencia enerxética, a sustentabilidade, a accesibilidade, a habitabilidade, a seguridade e a conservación do complexo deportivo. Tamén se aproveitará para renovar o local de filtración de piscinas e do seu equipamento, a adaptación da acometida eléctrica do edificio, a renovación de pavimentos de beirarrúas na contorna e acceso ao complexo deportivo Santa Isabel.

 

 

Goretti Sanmartín defende o diálogo previo cos clubs sobre a reforma do complexo deportivo Santa Isabel e a busca de espazos alternativos para manter a actividade