PLENO
Goretti Sanmartín defenderá no Pleno medidas para apoiar o tecido cultural e difundir a programación nos lugares emisores de turismo
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2019.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa para apoiar o tecido cultural e para que o Concello de Santiago difunda, en colaboración co sector turístico, a oferta cultural co obxectivo de que a programación sexa coñecida nos lugares de orixe e sirva como reclamo cando a xente organiza a súa viaxe.
Deste xeito, Goretti Sanmartín comezou a rolda de prensa co apoio ás reivindicacións que fixeron a Asociación de actrices e actores de Galiza, a Academia Galega de Teatro e Músic@s ao vivo “con preocupación co que pode acontecer co Centro Dramático Galego e co Centro Coreográfico Galego pola alarma ante a posibilidade de desmantelamento destas dúas institucións e da externalización das montaxes escénicas”. Lembrou que o BNG xa levou unha iniciativa parlamentar contra este recorte orzamentario destas entidades, que no caso do CDG vai ter 350.000 euros en 2020, case a metade dos 600.000 euros do ano anterior. Confrontou isto aos fondos destinados ao Xacobeo, cando o tecido cultural e social sofren estes recortes.
Con respecto á proposición do BNG, destacou que hai un informe da cultura coordinado por Marcos Lorenzo que ofrecía diagnóstico e claves para actuar e mellorar a situación cultural de Compostela. O pasado 4 de decembro presentouse a actualización deste informe nunha xornada sobre ‘A Cultura en Santiago’ cun avance que proximamente será publicado e así entende “que non se poden facer diagnóstico tras diagnóstico e logo non tomar ningunha medida”, sinalou.
“Santiago de Compostela ten fortalezas moi importantes no ámbito cultural por ser capital de Galiza e ter un importante tecido cultural”, explicou. Ten 494 empresas culturais, coa importancia de todas as institucións, cunha base social viva e dinámica, onde a cultura representa o 5,1% do Produto Interior Bruto. “Na outra cara da moeda, segundo este informe, as persoas que participan en actividades culturais non chegan ao 50% da poboación e o perfil é de estudos superiores mentres que as persoas sen estudos ou con estudos de primaria acoden nunha cantidade moi pequena e representan 1,7%; o que significa que a cultura non chega ao conxunto da poboación e non é capaz de enganchar outros sectores”, engadiu. Deste xeito reclama “unha revisión do funcionamento dos equipamentos e da planificación”, que son os aspectos peor valorados polos axentes culturais de Santiago, xunto coa falta de coordinación entre os equipamentos e as institucións que crean cultura, ademais da falta de comunicación e difusión da programación.
“Centramos a proposición nas persoas que nos visitan, para que non só visiten a Catedral, o seu museo e os arredores, senón que acudan porque aquí hai eventos, programación e tecido cultural”, afirmou. Segundo os datos facilitados polo Centro de Estudos Turísticos da USC en 2018 só un 27,5% das persoas visitantes aproveitaron a súa estadía para visitar un centro cultural, cando en 2017 a cifra era dun 35%. Só un 6,5% asistiron a algún evento cultural mentres estiveron en Santiago de Compostela e só un 0,6% viñeron especificamente para asistir a algún evento cultural.
Deste xeito, reclamou “unha coordinación entre Turismo e Cultura para ofrecer información en orixe para que se fagan paquetes culturais para que a xente saiba antes de vir a Santiago de Compostela que oferta pode encontrar, coñeza os equipamentos e a programación, co obxectivo de incrementar o número de persoas que acoden para asistir a eventos culturais”.
A iniciativa recolle na proposta de acordo que o Concello de Santiago elabore unha programación cultural específica dirixida ás persoas que nos visitan con compañías, profesionais e amadoras, de Santiago e de Galiza, con especial representación dos grupos composteláns que conforman a cultura de base. O outro punto vai encamiñado a que o Concello de Santiago difunda e promocione, en colaboración co sector turístico (hostalaría, axencias de viaxes, oficinas de información...) e con todos os axentes implicados esta oferta cultural co obxecto de ser coñecida tamén inicialmente en orixe.
Propón tamén un diálogo co sector sobre todo no que se refire á coordinación de axentes e programación interinstitucional, de entidades, de utilización dos equipamentos e dotacións municipais para que estean ao servizo das persoas que crean cultura no noso concello.