ENSINO

Goretti Sanmartín empraza o alcalde a darlle prioridade ao novo concurso de comedores escolares

comedores
comedores

Debe incluír cociña de proximidade, con produtos locais de tempada e cun programa piloto con cociña nun centro educativo
 

Goretti Sanmartín empraza o alcalde a darlle prioridade ao novo concurso de comedores escolares

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2019.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, manifestou que debe ser unha prioridade nesta altura buscar unha solución para sacar a concurso o servizo dos comedores escolares para mellorar o seu funcionamento de acordo coas propostas da comunidade educativa. Referiuse á necesidade de contar con cociña de proximidade, produtos locais de tempada e cun programa piloto con cociña propia nun centro educativo, para o que é necesario que se licite por lotes para favorecer que se poidan facer cargo empresas da comarca en vez dunha gran multinacional como aconteceu cos centros socioculturais.

“As familias non lle teñen culpa do proceso electoral nin das liortas entre o goberno entrante e saínte”, sinalou a portavoz nacionalista. O BNG avisou de xeito reiterado de que isto había que facelo antes do proceso, precisamente Goretti Sanmartín instou o pasado 15 de abril a publicar coa máxima urxencia a contratación dos comedores para o vindeiro curso escolar.

Entre as demandas do BNG, de acordo coa federación de ANPA, está un programa piloto nun centro con cociña para levar á práctica o modelo que se pretende estender e, cando menos, garantir que haxa cociña de proximidade cunha distancia inferior de 50 km ao colexio e que a elaboración das comidas se prepare durante a mesma mañá en que se van consumir, ademais de ter produtos de proximidade, que pasen os controis nutricionais necesarios e se elimine o mínimo de persoas usuarias, pois é un servizo para favorecer a conciliación e non para tirar rendemento económico.

Para o BNG cómpre que o concurso saia por lotes na contratación e non cun único contrato ao que só poidan concorrer empresas multinacionais, como aconteceu cos centros socioculturais. Deste xeito, deberan ir separadas por un lado a elaboración e transporte de alimentos e por outro o servizo de monitores e monitoras, de atención ás persoas usuarias e crianzas con persoal especializado; ademais de lotes por colexios ou grupos de colexios para favorecer a concorrencia de pequenas empresas da comarca. Outra reivindicación é que os prezos partan dunha contía mínima, para que non vaia en detrimento da calidade da comida que se ofrece neste servizo.

“Tamén nos preocupa que o PSOE non o asuma como unha prioridade e pareza querer partir de cero e non do traballo con toda a experiencia e coñecemento das ANPA, cuxas reivindicacións asumimos por completo”, advertiu, “por iso emprazamos o alcalde a que isto sexa a maior das prioridades do goberno nesta altura”.

Lembrou tamén que este servizo de comedores debe ser competencia da Xunta, mais mentres sexa xestionado polo Concello de xeito transitorio, debe facelo acorde a estas demandas da comunidade educativa.

Goretti Sanmartín empraza o alcalde a darlle prioridade ao novo concurso de comedores escolares