DEPURADORA
Goretti Sanmartín fai un chamamento a negociar as condicións do convenio da depuradora para evitar a suba do recibo da auga
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, ao fío da información sobre o incremento do prezo do recibo da auga para poder financiar a nova estación depuradora, realizou un chamamento a non aceptar esas condicións do convenio e a que os gobernos do Estado e da Xunta asuman a parte que lles corresponde para non discriminar a veciñanza de Santiago con respecto a outras vilas e cidades.
“Infelizmente as palabras do BNG para avisar de que podería ser unha realidade que os cartos para construír a nova depuradora houbese que pagalos co peto de todos os veciños e veciñas de Santiago de Compostela parece que se confirma”, sinalou. “Había quen nos acusaba de alarmismo e de que isto non ía acontecer e que era unha crítica partidista, mais agora pode confirmarse”, engadiu.
Isto pon en evidencia que “non se podía estar bailando coa localización da depuradora”, explicou, porque a xestión se ralentizou co PP ao cambiar o lugar e con Compostela Aberta ao estar durante tres anos sen dar resposta nin ter iniciativa para decidir no último momento un cambio de emprazamento. Agora o PSOE non é capaz de conseguir que o Estado asuma o cofinanciamento da parte que lle corresponde pese a tratarse dunha obra de interese xeral.
Lembrou que o BNG está á espera do que respondan no Congreso á pregunta presentada polo deputado Néstor Rego. “Desde o BNG facemos un chamamento a non aceptar estas condicións porque non pode ser a cidadanía de Compostela quen pague as consecuencias dun problema de mala xestión nos últimos anos sen conseguir que houbese unha proposta clara e definida que provoca a perda de fondos europeos”, afirmou Goretti Sanmartín.
“Entendemos que o Estado pode, sen ningún problema, manter o seu financiamento e que a Xunta debe incrementar os fondos inicialmente previstos e, nesa liña, o Concello pode achegar unha parte pequena e non resultar discriminado a respecto do que aconteceu noutras vilas e cidades de Galiza e do resto do Estado”, destacou.
Houbo un problema de falta de xestión a respecto dos gobernos anteriores e agora, se queren afrontalo, hai que conseguir ese compromiso por escrito do Goberno do Estado para poñer eses recursos necesarios, unidos aos da Xunta de Galiza, “e obviar esa cuestión de que os fondos teñen que saír do peto de veciñas e veciños de Santiago de Compostela, algo que desde o BNG entendemos que non é asumíbel e ao que nos opoñemos rotundamente”, concluíu.