PLENO

Goretti Sanmartín proporá no Pleno un plan anual de actividades extraescolares e de conciliación

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Esta oferta debe ser continuada no tempo e incluír tamén agosto
Goretti Sanmartín proporá no Pleno un plan anual de actividades extraescolares e de conciliación

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, trasladará ao Pleno unha moción que o Concello de Santiago de Compostela poña en marcha un plan de actividades extraescolares e de conciliación en todas as parroquias, de acordo coa comunidade educativa, a partir do vindeiro curso e durante todo o ano.

O BNG reclama tamén no texto desa iniciativa que “mentres non se aplique e as ANPA continúen a suplir boa parte deste cometido, o Concello de Santiago de Compostela colaborará na posta a disposición dos centros e instalacións municipais para desenvolver as actividades, en labores como limpeza e desinfección dos mesmos e dará as facilidades que se requiran para a concesión de bolsas destinadas a familias con poucos recursos”.

Na actualidade, en Santiago encárganse os centros socioculturais e as ANPA de desenvolver senllos plan de actividades extraescolares e de conciliación. Mais en novembro de 2016, o Pleno da Corporación aprobou unha proposición do BNG “para crear un plan integral de actividades municipais extraescolares e de conciliación que, catro anos despois, aínda non se aplicou e as ANPA teñen que seguir a programar para atender a demanda existente con formación lúdico-cultural de nenas e nenos en idade escolar”, advertiu a portavoz nacionalista en Raxoi.

Nesta proposta do BNG, determinábase que fose o Concello de Santiago quen se encargase de organizar estas actividades de maneira continuada durante todo o ano e que aglutinasen desenvolvemento cultural e da lingua do noso país, fomento da expresión artística-creativa e realización de exercicio físico e saúde.

Cando remata o período lectivo, para promover o lecer e unha formación complementaria dos nenos e das nenas en igualdade de condicións, o Concello de Santiago pode ofertar un programa de conciliación descentralizado, que atenda todas as parroquias co obxectivo de incrementar a vertebración territorial, explicou Goretti Sanmartín. “Esta oferta debe ser continuada no tempo e incluír tamén agosto, pois existe demanda xa que non todas as unidades de convivencia teñen vacacións nese mes”, engadiu. Actividades impartidas en galego relacionadas coa natureza, xeografía, vídeo, manualidades, ximnasia rítmica, patinaxe, baloncesto e xadrez, entre outras, poden ser algúns exemplos do que se pode ofrecer, segundo figuraba na proposta do BNG que fora aprobada.

Goretti Sanmartín proporá no Pleno un plan anual de actividades extraescolares e de conciliación