CAPITALIDADE

Goretti Sanmartín: “Para Feijóo, Santiago é un decorado”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
Convida o presidente da Xunta a dar un paseo pola Cidade histórica “para saber que a xente tivo que deixar de vivir alí por falta de accesibilidade e de servizos”
Goretti Sanmartín: “Para Feijóo, Santiago é un decorado”

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2020.- A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, respóndelle a Feijóo “dime de que presumes e dígoche de que careces” sobre os datos propagandísticos que ofreceu esta semana, “porque para el Santiago é un decorado”. “Santiago non é o país das marabillas que nos conta, aínda que é un lugar con potencialidades, e tampouco é máis cidade para os/as santiagueses/as porque hoxe a xente que vive en Compostela vese expulsada polo enfoque do turismo que non é un modelo sustentábel e de calidade”, engadiu.

Estas declaracións sobre Santiago de Compostela “faltan por completo á verdade e trátase dun presidente que leva vivindo de costas a este país”, sen facer investimentos necesarios e sen preocuparse de que Santiago de Compostela teña os servizos e a consideración tamén como capital, sinalou.

El presumiu de ter unha mellor capital de Galiza e o BNG leva anos a reivindicar que haxa un maior investimento no Estatuto de Capitalidade que xa no seu momento se cifraba nunha cantidade de 5,5 millóns de euros, cando leva anos conxelada en 2,3 millóns. “Esa non é a maneira de apostar pola capitalidade, cando achega menos da metade do que correspondería segundo ese estudo que está sen actualizar”, advertiu.

Desmentiu tamén as palabras de que “grazas á Xunta, Santiago ten máis servizos, máis accesibilidade e máis patrimonio coidado, coa Catedral por bandeira”. Pese a non valorar o investimento na Catedral “que merece todos os investimentos que se poidan facer, nin como se conseguen eses investimentos, dunha maneira racional ou con peticións estrañas”, en servizos e accesibilidade convidou o presidente da Xunta a que lle pregunte á veciñanza e a que dea un paseo por Santiago de Compostela “para saber que a xente tivo que deixar de vivir na Cidade histórica por problemas de accesibilidade e falta de servizos”.

A última residencia pública, da etapa do BNG na Xunta

Sobre as residencias de maiores, explicou que a última residencia totalmente pública é a da Volta do Castro, posta en marcha polo BNG cando estaba na Xunta, e é unha mágoa que se saiba da existencia de 30 prazas baleiras na da Porta do Camiño cando hai listaxes de espera. Mais a residencia que se ía facer nas Fontiñas e logo trasladaron o proxecto ao Castiñeiriño segue sen facerse, ademais de que se vai construír con diñeiro privado e cun modelo de xestión privado. “Facer propaganda dunha residencia que non está feita a estas alturas é pouco serio”, afirmou.

Ademais, está pendente o centro de día das Fontiñas, aprobado en Pleno para o que hai parcela dispoñíbel. “Tamén quixera que Feijóo falase con todas as persoas de familiares con discapacidade intelectual porque despois de ter un centro como o CEGADI cun investimento millonario durante máis de 10 anos sen abrir, hoxe hai moitas familias que non teñen prazas en centros públicos cando cumpren os 21 anos, por iso seguen coas reivindicacións semana tras semana porque continúan sen atender desde a Xunta”.

Saturación na sanidade pública polos recortes

Preguntou tamén polo centro de saúde de Conxo, que estaba comprometido, e agora está convertido nun aparcadoiro. Sobre a sanidade, é fácil de entender o malestar cando hai 20.000 persoas que se manifestan polas rúas de Santiago e hai unha saturación de Urxencias do Hospital Clínico. Concorda Goretti Sanmartín co presidente da Xunta en que “grazas ao labor magnífico de profesionais, pese aos poucos recursos, funciona a atención primaria”.

En canto ao ensino, sobre as prazas de escolas infantís, destacou que as tres últimas totalmente públicas foron ideadas na etapa do bipartito: Trasparlamento, San Roque e Tambre. Máis de 500 nenos e nenas fican sen praza nunha escola infantil pública en Santiago. En dotacións de ensino, hai deberes históricos que a Xunta non cumpriu como a construción da nova Escola Oficial de Idiomas, que incumpre os decretos da propia Consellaría en canto a aulas, laboratorios e espazos e non pode ofertar linguas para as que hai demanda nesta cidade turística e universitaria como pode ser chinés, ruso, xaponés ou árabe por falta de espazo. Tampouco ampliou o Conservatorio Oficial de Música, un centro ideado por 250 persoas mais que ten o duplo de alumnado, ou a sensibilidade para crear o novo Conservatorio de Danza en Compostela.

Cero vivendas de protección pública na etapa de Feijóo

En materia de vivenda, destacou que se construíron “cero vivendas de protección pública na etapa de Feijóo en Santiago de Compostela”, pois as últimas foron as de Belvís durante a etapa do BNG na Xunta, “mentres mantén o terreo de Xoán XXIII a silvas porque esas vivendas en réxime de alugueiro para a mocidade que estaban alí previstas quedaron sen facer”. Tampouco hai acceso a internet na Cidade Histórica e en moitos lugares do rural, xunto coa carencia de servizos como saneamento e abastecemento en parroquias que a Xunta non quixo facer, o mesmo que a concentración parcelaria de Villestro e Figueiras que segue pendente.

“A cara dura de Feijóo con estas declaracións sobre a capitalidade, coa asignación de menos da metade do que debería levar Santiago, tamén pasa co Consorcio e coa aposta polo Xacobeo”, afirmou. “Entendemos que o Consorcio hai que dotalo de maior cantidade de recursos, tanto polo Estado como pola Xunta; chegou a ter un orzamento de 21 millóns de euros e nestes momentos non chega aos 9 millóns e así é imposíbel que sexa motor de dinamización que necesita Santiago”, destacou. Referiuse tamén ao enfoque do Xacobeo, “porque desde o BNG non estamos de acordo en que a perspectiva sexa desde o turismo visto como avalancha de visitantes dun ou dous días nin polos macroconcertos”; o Xacobeo debe apostar polo tecido cultural e pola xente que produce a nivel local e galego poida ter espazos e oportunidades para se internacionalizar e dar a coñecer, ademais de aproveitar o Xacobeo para rehabilitar e insonorizar vivendas e edificios para uso público que incida na mellora das condicións de vida da xente.

Referiuse tamén a datos que Feijóo esqueceu, como que na última década marcharon de Santiago máis de 14.000 persoas e case 5.000 delas tiñan entre 16 e 29 anos, “por tanto a mocidade de Santiago de Compostela segue a ter que emigrar porque pensa que o seu futuro está fóra porque ante os problemas de falta de emprego e de dinamización económica en xeral e, de maneira particular, da necesidade de que haxa un maior financiamento universitario e a Universidade poida ser un polo de emprego fundamental, en coincidencia coas reivindicacións dos reitores para que o financiamento chegue ao 1% do PIB.

Goretti Sanmartín: “Para Feijóo, Santiago é un decorado”