PLENO
O BNG reclama melloras na iluminación dos espazos públicos das rúas do Home Santo e da Angustia
Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2020.- O grupo municipal do BNG presentou unha iniciativa para o Pleno de marzo para mellorar a iluminación das rúas do Home Santo e da Angustia, logo de recibir queixas da veciñanza.
Esta escasa iluminación en espazos públicos crea dificultade de visibilidade e inseguranza física pola posibilidade de incrementarse o risco de tropezar ou caer na rúa, e psicolóxica, sobre todo nos meses de inverno cando anoitece antes. Provoca ademais cambios no percorrido habitual de persoas, sobre todo mozas e mulleres, para camiñar ou aparcar os seus vehículos en zonas psicoloxicamente máis seguras, e mesmo daquelas que a partir de certa hora reducen a participación en actividades sociais e culturais fóra da casa, o que representa unha barreira para a igualdade de xénero, segundo recolle o texto da iniciativa do BNG.
En concreto, nas rúas do Home Santo e da Angustia a iluminación é deficiente pese a ser transitadas pola gran densidade de persoas que residen neses edificios, polo pequeno comercio e polas que acoden ao local de ensaio dun grupo de danza e música tradicionais alí situado e que padecen estes problemas. Ademais de ser necesarios máis puntos de luz, moitas das farolas alí situadas están á altura do segundo andar dos edificios co que se perde a súa funcionalidade e provocan contaminación lumínica.
Deste xeito, o BNG solicita a correcta iluminación das rúas do Home Santo e da Angustia, con proxección para as beirarrúas para reducir a contaminación, así como dos lugares doutros barrios onde se detecte este problema.