INSTITUCIONAL

O BNG agradece o labor do persoal sanitario e de profesionais que garanten os servizos e produtos básicos en Compostela nesta situación de alerta

Goretti
Goretti Sanmartín
Mostra a súa total colaboración co Goberno local e ponse á súa disposición
O BNG agradece o labor do persoal sanitario e de profesionais que garanten os servizos e produtos básicos en Compostela nesta situación de alerta

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2020.- “O BNG mostra a súa total colaboración co Goberno local para afrontar a crise do coronavirus e ponse á súa disposición para todo aquilo que se xulgue necesario”, afirmou a portavoz municipal Goretti Sanmartín, ademais de agradecer o labor do persoal sanitario e de profesionais que garanten os servizos e produtos básicos en Compostela nesta situación de alerta.

Haberá tempo de avaliar se as medidas tomadas foron “as máis eficaces e se actuou con celeridade”, mais este “é o tempo da lealdade institucional e da unión de todas as forzas políticas e sociais nun momento en que está en risco a saúde de milleiros de persoas”, explicou. “Desde o BNG apostamos por reducir ao mínimo o traballo do persoal das empresas concesionarias, sempre ligado a cubrir necesidades básicas da poboación, engadiu Goretti Sanmartín.

Para alén das medidas sanitarias e de contención que se desenvolven seguindo as instrucións das autoridades pertinentes e os criterios técnicos e científicos, desde o BNG entenden que cómpre reforzar as medidas de protección social e axuda aos colectivos máis desfavorecidos ou en risco como maiores, dependentes, familias monoparentais, persoas en risco de exclusión social e habitantes do rural, entre outras.

Reclama tamén reforzar a información e asesoramento á poboación “nunha situación de alarma social nunca antes vivida e que provoca moitas incertezas e inseguranzas”. Neste sentido, referiuse a que é preciso traballar en medidas de axuda aos sectores máis afectados desde o punto de vista económico como comercio de proximidade, traballador@s, autónom@s, sector cultural e turístico.

Ademais, Goretti Sanmartín sinala que ao rematar o momento de emerxencia sanitaria será tempo chegar a consensos e apostar pola diversificación da economía e traballar, máis que nunca, pola reindustrialización. Así, o BNG propón elaborar “un plan de choque para enfrontar o posíbel impacto a respecto do Xacobeo 2021 e do tecido comercial, turístico e auxiliar en Santiago de Compostela”.

Aproveitou tamén para facer un chamamento á colaboración cidadá e para manifestar “o sentimento de orgullo da resposta da poboación de Compostela, sempre comprometida e solidaria”.

A portavoz municipal do BNG quixo agradecer “o esforzo do persoal sanitario, verdadeir@s heroes e heroínas na loita contra o virus, así como a todas as persoas da nosa comarca que teñen que traballar para garantir os servizos básicos e a subministración de produtos de primeira necesidade”.

.

O BNG agradece o labor do persoal sanitario e de profesionais que garanten os servizos e produtos básicos en Compostela nesta situación de alerta