INSTITUCIONAL

O BNG pídelle ao alcalde que paralice toda a actividade económica “que non sexa imprescindíbel” para frear o virus

bng
bng

Goretti Sanmartín propón destinar boa parte dos remanentes a gasto social mediante liñas de axuda a persoas afectadas e colectivos vulnerábeis

O BNG pídelle ao alcalde que paralice toda a actividade económica “que non sexa imprescindíbel” para frear o virus

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2020.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclámalle ao alcalde que paralice toda a actividade económica “que non sexa imprescindíbel” para frear o virus, tanto en relación ás obras contratadas como ao labor das empresas concesionarias. Nesta situación de alerta sanitaria polo coronavirus, o Goberno local debe dar exemplo e articular medidas para a protección de dereitos laborais e impedir despedimentos nas empresas concesionarias, explicou.

Goretti Sanmartín, ademais de felicitar o Goberno local pola suspensión do servizo da ORA en Conxo, avenida de Ferrol, Pontepedriña e no campus, demanda que se busque a fórmula para que se estenda a todas as zonas da cidade mentres dure a alerta sanitaria.

Sinalou que se debe instar ás empresas contratadas e concesionarias a reducir ao mínimo a súa actividade para evitar contaxios polo coronavirus e a velar polo cumprimento dos protocolos para a protección das persoas traballadoras destes servizos.

Propón tamén estudar a posibilidade de interromper o prazo das obras, cando sexa posíbel, coa busca de fórmulas que permitan nesta situación excepcional evitar a perda de postos de traballo. Así, reclama que o Goberno local lle pida ao Goberno do Estado medidas de carácter excepcional para poder paralizar as obras que non sexan de urxencia durante este período.

O BNG propón axilizar que o servizos xurídicos municipais analicen os decretos do Goberno español no referente á contratación das administracións públicas, pois introducen medidas de compensación de gastos laborais e outros para suspensión temporal de contratos.

Outra recomendación que presenta o grupo municipal do BNG vai encamiñada a que o Goberno local traballe na dirección de destinar boa parte dos remanentes a gasto social mediante liñas de axuda a persoas afectadas e colectivos vulnerábeis.

O BNG demanda no ámbito local impulsar medidas informativas e de comunicación de alerta para a prevención da violencia de xénero co fin de impedir o seu incremento, toda vez que no período obrigado de confinamento nos fogares e de privación de liberdade de movementos se poden agravar as situacións conflitivas pola convivencia continuada con agresores.

Ademais, propón que se estude habilitar espazos para facer hospitais de campaña en caso de que fose necesario, co obxectivo de anticiparse ás posíbeis saturacións de centros sanitarios cando cheguen os momentos críticos da pandemia.

Goretti Sanmartín traslada a preocupación veciñal suscitada polo peche do mercado do Lusco-Fusco, unha actividade destinada á compra-venda de alimentos por parte de pequenos produtores locais. O BNG considera que “o Concello de Santiago debe apostar, tamén neste período, polos produtos de proximidade tanto na praza de abastos como neste mercado xa que está permitida a actividade de venda de alimentos e non debe reducirse a grandes superficies”.

Sobre a polémica da investigación aberta ao rei emérito Xoán Carlos I por parte da Fiscalía Anticorrupción polas súas contas bancarias en Suíza e a suposta trama financeira para o pagamento de comisións por adxudicacións de obras, o BNG súmase ás peticións de retirar o seu nome de espazos públicos e anunciou que proporá, cando acabe esta alerta sanitaria, o cambio da denominación da avenida Xoán Carlos I en Santiago de Compostela.

“No medio desta crise sanitaria que vai ter importantes repercusións económicas e onde todo o mundo debería estar traballando para paliar os seus efectos e para que os traballadores e traballadoras non perdan o seu emprego, pretenden minimizar a importancia destas actuacións de corrupción da monarquía que o BNG leva tempo a denunciar publicamente”, explicou Sanmartín.

O BNG pídelle ao alcalde que paralice toda a actividade económica “que non sexa imprescindíbel” para frear o virus